CRTVG

Buscar

Destacados

Valladolid-Celta e Lugo-Almería, os partidos da xornada de 'Galicia en goles'

24/09/2020 - 18:07 h

Os afeccionados ao deporte teñen unha intensa fin de semana para gozar pola Radio Galega. O venres, desde as oito e media do serán, o programa estará pendente da Copa Galicia de baloncesto feminino na Malata, co partido Uni Ferrol-Maristas da Coruña, e do fútbol sala de preparación para a próxima liga co Noia-Parrulo Ferrol.

O sábado, desde as tres, Galicia en goles analizará os encontros amigables desenvolvidos durante a xornada matinal e retransmitirá as citas da tarde: Arenteiro-Compostela e Arzúa-Unión Deportiva Ourense. O baloncesto estará presente por partida dobre, co Breogán-Valladolid masculino e o Arxil-Cortegada feminino. O comezo da división de prata de balonmán, o atletismo veterano e o rally da Auga completarán a oferta do día.

Xa o domingo, a edición matinal adianta o seu comezo ás doce menos cuarto coa retransmisión desde o Anxo Carro do Lugo-Almería, de Segunda División A. Desde as tres, a sesión de tarde fará un amplo despregamento para o Valladolid-Celta, de Primeira División, no José Zorrilla. O Obradoiro-Betis, de ACB, e o Cangas-Puente Genil, de Asobal, tamén terán presenza na tarde deportiva. A partir das oito e media do serán, adestradores e xornalistas debaterán no faladoiro sobre os resultados dos nosos equipos. Desde as once da noite, Pedro Pablo Alonso continuará coa reflexión dos especialistas na edición dominical de Ao contraataque.

Ademais, a fin de semana trae á Radio Galega unha nova entrega de Convivir deportivo. O sábado, á unha do mediodía, Alfonso Pardo presenta o traballo da Federación Galega de Birlos, desde Viana do Bolo. Ás once da noite, Rodrigo Pérez dedicará Gas a fondo ao rally da Auga, mentres Toni López repasará ás once media a actualidade olímpica no Galicia en Toquio.

Cortes dos diferentes programas da RG