CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Televisión e radio uniranse cada día en 'A bóla extra', unha innovadora experiencia de radio televisada

11/10/2019 - 12:04 h

Kiko NovoaCristina García e Paco Lodeiro pilotan de luns a venres na Radio Galega 'A bóla extra', o tempo para o humor do magazine 'Galicia por diante', que cada día xira arredor dun tema cotián, unha historia curiosa ou algunha anécdota divertida e que fomenta a participación do público.

Ata agora, cada día conectaban en directo co programa 'A revista' para contarlles á presentadora, Loli Gómez, e aos espectadores da TVG as súas historias de cada día. Pero, non contentos con isto, a partir deste luns irán tomar un café á tele para compartir directamente coa audiencia media hora da súa proposta radiofónica. As tres figuras da Radio Galega, sobradamente coñecidas polos seus oíntes, amosan a súa ilusión polo reto que supón levar 'A bóla extra' á TVG. Como explica a xornalista Cristina García, "é moi bonito porque pode abrirnos a máis xente para que coñeza o programa e, por suposto, participe".

A TVG pon así en marcha unha innovadora experiencia de radio televisada xusto antes da emisión diaria de 'A revista', e desde o estudio 150 da TVG en San Marcos. Deste xeito, a primeira media hora de 'A bóla extra', de 12.00 a 12.30 h, poderá seguirse simultaneamente a través da Radio Galega e da Televisión de Galicia. E a audiencia poderá seguir opinando mediante chamada telefónica ou nota de voz de WhatsApp.

Antes de poñerse á fronte do seu programa diario, a presentadora de 'A revista', Loli Gómez, unirase tamén aos compañeiros da RG para debullar a actualidade desde un ton desenfadado e humorístico. Unha vez rematada a media hora de 'A bóla extra', o humor do 'Galicia por diante' continuará, coma sempre, nas ondas radiofónicas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia