CRTVG

Buscar

Cada domingo, ás 22.00 h, ‘A lista negra’, que tamén estará dispoñible en RadioGalegaPodcast, achegará as novas tendencias e os grandes clásicos do blues americano

Volven veteranos como ‘Tres peixes voando’ e ‘Lume na palleira’, ademais de ‘Raizame’, ‘O lobo urbano’, ‘Cara B’, ‘Ondas indies’ e ‘Concerto popular’

Estes espazos consolidan un formato musical que busca acompañar os oíntes cunha radiofórmula enfocada ás preferencias do público galego

Radio Galega Música estrea este luns unha nova temporada e recupera os seus programas temáticos de autor a modo de escaparate para as distintas tendencias e estilos, sempre con óptica e ollada galega. Estes espazos consolidan un formato musical que busca acompañar os seus oíntes con ritmo e sen estridencias, cunha radiofórmula enfocada ás preferencias do público galego, que ofrece unha coidada selección dos grandes éxitos de todos os tempos e das cancións favoritas dos galegos na actualidade.

A gran novidade da temporada é ‘A lista negra’, un programa presentado polo xornalista da CRTVG Eduardo Herrero, que cada domingo ás 22.00 h ofrecerá unha aproximación ao mellor da música americana, dando conta das novas tendencias e sen perder de vista os grandes clásicos do blues.

O blues é a máis negra de todas as músicas. Nel mestúranse os cantos de traballo afroamericanos, a propia tradición do continente de orixe dos que chegaron a América como escravos e compoñentes do gospel, a música espiritual que xermolou nos Estados Unidos. Cada programa de ‘A Lista Negra’ estará dedicado a un dos grandes deste xénero, desde Howlin’ Wolf a John Lee Hooker, desde Robert Johnson a John Mayall, que axudarán a ir coñecendo os distintos subxéneros desta música: o blues do Delta, o blues de Chicago, o blues texano, o country blues, o blues rock, o blues de Nova Orleáns, o blues británico...

Ademais, neste novo programa tamén haberá sitio para o blues galego. Cada semana, un solista ou banda poderán presentar o seu xeito particular de sentir e achegarse ao blues desde a nosa terra. Un bo escaparate para artistas que non teñen tanta visibilidade como os que se decantan por xéneros máis comerciais. Cada edición de ‘A Lista Negra’ estará dispoñible na plataforma RadioGalegaPodcast, onde os oíntes poden atopar tamén outros moitos contidos da emisora pública.

Regreso de programas veteranos

A partir desta semana tamén volven a Radio Galega Música programas veteranos como Tres Peixes Voando’, unha fiestra aberta ás músicas do mundo, da man de Xavier Díaz e Guillerme Fernández, os domingos na sobremesa (15.00 h). Ese mesmo día volve tamén Emilio Españadero co seu ‘Lume na Palleira’, programa especializado na música folk e tradicional, pero con atención ás propostas chegadas doutros lugares, que se poderá escoitar a partir das 19.00 h.

Os espectadores comezarán a semana viaxando por todo o mundo con ‘Raizame’, o espazo conducido por Óscar Losada, que ofrece cada luns ás 22.00 h a lista europea das músicas internacionais, ademais da actualidade dos artistas conectados coa lusofonía, a música raíz dos países europeos e a creatividade sonora máis alá do pop estándar.

Tamén ás 22.00 h, nos martes o rock volverá ser protagonista, co histórico Charli Domínguez, membro do grupo Los Suaves, ao micro de ‘O lobo urbano’; e os mércores será Manuel de Lorenzo quen acompañe os oíntes, con ‘Cara B’, un programa sobre as pequenas grandes anécdotas que enchen a historia da música.

Novidades, concertos, festivais ou entrevistas serán algunhas das paradas que farán nas noites dos xoves en ‘Ondas Indies’, un programa presentado por Eladio Santos que funciona a modo de escaparate para a música indie pop que se fai no mundo.

Radio Galega Música completará a súa programación para esta nova temporada coa presenza, nas mañás dos sábados e dos domingos, de 09.00 a 10.00 h, de ‘Concerto Popular’.

Polo demais, coa súa aposta musical, sempre pegada ás preferencias dos oíntes galegos, a emisora pretende acompañar a audiencia durante os distintos momentos das súas actividades cotiás. Así, Radio Galega Música organiza a súa oferta en catro grandes bloques temáticos, desde as primeiras horas do día, coa fórmula espertador, pasando polas horas laborais, en que se ofrece música para o traballo, e a sobremesa, cunha proposta máis melódica. Xa á última hora da tarde, a chamada ‘música para a volta á casa’ acompaña os condutores no tramo final da tarde e primeira hora da noite.

A esta oferta musical súmanse as outras propostas da Radio Galega baseadas na tecnoloxía dixital. Unha delas é Son Galicia Radio, a radio que se pode escoitar en Internet, na TDT e nas distintas plataformas e que ofrece, as 24 horas do día e os 365 días do ano, música de artistas galegos cantando en galego. A outra é a canle infantil e xuvenil Radio Picariña, que continuará coas súas variadas propostas musicais este outono-inverno.