CRTVG

Buscar

Destacados

Memoria e nostalxia da infancia en 'Illas a sotavento', de Henrique Dacosta, e 'Déixate de ódegas', de Xosé Manuel Vega

17/09/2019 - 10:45 h

Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de dúas obras nas que a memoria e a nostalxia da infancia teñen un papel central: Illas a sotavento, de Henrique Dacosta, e mais Déixate de ódegas, de Xosé Manuel Vega.

Illas a sotavento (Xerais) foi distinguida co Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta. A medio camiño entre A illa do tesouro e Os cinco, esta narración de aventuras na costa ferrolá convídanos á expedición que un grupo de rapaces do lugar do Prioiro idea ás Illas Gabeiras e Herbosa, para a que fabrican unha balsa que ocultan aos seus rivais do lugar de Arriba. A loita entre estas bandas de rapaces e os seráns escoitando as historias dos vellos lobos de mar da bisbarra regálannos un relato que é, tamén, un fermoso canto ao mar e as terras mariñás e unha viaxe iniciática que leva os protagonistas do remate da infancia á mocidade plena.

Déixate de ódegas (Aira) reúne unha vintena de relatos que recuperan a vida do rural galego dos anos sesenta do pasado século, unha paisaxe e unha paisanaxe que se gardan na lembranza, pero que foron pouco a pouco mudando cando non desaparecendo. Os traballos do campo como a malla, a esmelga ou a muiñada; os animais e apeiros típicos deste mundo como o carro, os cans, os carneiros, os lobos, a mula de labor ou os bois de parada; os profesionais destas angueiras como o capador, o mestre rural ou os tratantes; os enredos dos rapaces como a rouba de cereixas ou o labrado da madeira con navalla, todo é evocado nestes relatos breves coa forza da palabra lírica e unha vizosísima escolla léxica que recupera moitas verbas hoxe en desuso do celmoso galego ancarao ou ancarés, bisbarra na que discorren estas narracións contadas a través dos ollos dun neno.

Cortes dos diferentes programas da RG