Destacados
Álex Ramos, vicepresidente de SCC: "Ten que haber diálogo e algún acordo para desbloquear o conflito"
Sociedad Civil Catalá acata a sentenza do Tribunal Supremo que condena os indepedentistas do procés a entre 9 e 13 anos de cadea por sedición e malversación. O vicepresidente de SCC, Álex Ramos, non se sorprende do balbordo desatado nas rúas de Cataluña tras facerse pública a resolución xudicial.
"A reacción era a prevista -explicou nunha entrevista no Galicia por diante-. Estábanse preparando. Esta é unha revolución feita desde o poder".
O vicepresidente desta organización, Álex Ramos, acusa o Goberno da Generalitat de axitar a cidadanía. Cre que só se poderá desbloquear esta situación a través do diálogo.
Ramos expresou a súa preoucupación ante a posibilidade de que os condenados no xuízo do procés poidan gozar xa de beneficios penitenciarios de aquí a un par de meses. Lembra que Cataluña é a única comunidade autónoma que ten transferida a política penitenciaria e pídelle á xustiza que cumpra co seu papel.
"Dentro de poucos meses comezarán a saír á rúa. Se o Tribunal Supremo ou a Fiscalía consideran que isto é un abuso, terán que propoñer outras accións. O Supremo -explicou- pode corrixir políticas penitenciarias".
O vicepresidente de SCC considera un "contrasentido" falar de indultos cando acaba de saír a sentenza e pídelle á clase política que cumpra coa súa función. Considera que o único xeito de desbloquear o conflito é a través do diálogo.
"Ten que haber diálogo e algún acordo. Nós non estamos de acordo con referendos de autodeterminación, pero si estamos de acordo con referendar un acordo. Agora os políticos teñen que facer o seu labor".