CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cataluña, outono difícil

30/09/2019 - 07:40 h

Cando miro o calendario catalán, a palabra é prevención. Prevención e algo de medo. É que ese calendario si que está cargado polo demo. Mañá, 1 de outubro: segundo cabodano do falso referendo que os independentistas seguen considerando como un mandato de pobo para construír a república. Un xornal de Madrid anuncia hoxe que queren sementar o caos en Cataluña. Despois, dentro de dez ou quince días, a sentenza do procés, con incitacións do própio Torra a facer unha gran revolta e paralizar a comunidade. Non sabemos cando, a iniciativa de Ciudadanos de presentar unha moción de censura a Torra, iniciativa á que se uniu o Partido Popular. Non vai saír, porque non ten maioría abonda, pero, visto como son os debates entre Ciudadanos e os independentistas no Parlament, seguro que vai ser un intre de tensión e de enfrontamento. E no medio de todo, a detención dos activistas dos CDR, que están en prisión provisional, pero incondicional, e as filtracións que se están a facer falan das peores intencións: ocupación do Parlamento, implicación de Torra a medias con Puigdemont, e boicot ás estradas e as vías do tren.

Chega con mencionar estas previsións para chegar á conclusión de que o independentismo está disposto a todo, e o primeiro é aproveitar todo o que pasa para demostrar que non están dispostos a dar un paso atrás, que é unha das frases que máis din.

Sorprende que, ante ese panorama, Pedro Sánchez este dicindo que o separatismo foi derrotado. Home, gañar non gañou nin un só dos desafíos, pero moi derrotado non parece. E chega con que o presidente do Goberno e funcións diga iso para que se propoñan demostrar que viven, que están fortes e que son capaces de facer calquera falcatruada. Outubro é para eles a grande oportunidade de renovar todos os desafíos que queren presentar. A debilidade de un Goberno en funcións e o clima electoral en que nos atopamos non axuda para nada a calmar os ánimos e crear un ambiente de serenidade. Tamén nese sentido o calendario foi ou está sendo cargado polo demo.

Crucemos os dedos e fagamos algún conxuro. Eu pido que a fortaleza que aparenta Sánchez non sexa un reclamo electoral para o resto de España, para volver despois ás andadas dun diálogo que é necesario, pero aínda non sabemos para que. E pido que os partidos constitucionáis vaian da man, porque a situación, benquerido Valiñas, non anuncia nada bo.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí