Galicia por Diante
O alcalde de Ares confirma que dous fillos da familia afectada por unha descarga eléctrica seguen na UCI
O alcalde, Julio Iglesias, explicou no Galicia por diante que a nena de 12 anos e o seu irmán de 18 son os que están máis graves. Os dous continúan na unidade de coidados intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
O accidente ocorreu arredor das nove do serán, cando a familia empurraba un catamarán na praia de Seselle. O mastro do barco tropezou cun cable de media tensión e os cinco membros da familia sufriron unha descarga eléctrica.
A nena, de 12 anos, e o seu irmán, de 18, tiveron que ser reanimados alí mesmo polos efectivos de emerxencias. Os tres irmáns foron ingresados no CHUF, mentres os pais foron atendidos en urxencias. O fillo de 16 anos "xa está ben e recupérase favorablemente, e os pais tamén están ben", segundo informou o alcalde de Ares.
O sinistro provocou un corte de luz en amplas zonas de Caamouco. A subministración foi restablecida sobre as once e media da noite.