CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Francisco Caamaño, doutor de Medicina Preventiva da USC: "Cada contaxio pode xerar novas variantes de covid"

30/06/2021 - 08:14 h

O epidemiólogo Francisco Caamaño Isorna agarda que a desescalada poida avanzar se entendemos que o xeito de relacionarnos ten que ser distinto durante un tempo longo. "Hai que ser prudentes cando se fala de dar pasos atrás, sobre todo, polo impacto económico que tería esa medida. A relaxación no uso da máscara en espazos abertos é un paso adiante. Podemos pasear, encontrarnos con coutras persoas en espazos abertos, gardando as distancias, pero, dende logo, temos que asumir que o ocio será distinto de aquí a varios meses. O que non se xustifica, de ningún xeito, son as aglomeracións dos últimos días. Sorpréndeme que sigan celebrándose macrofestas e botellóns, que haxa desprazamentos de mozas e mozos a outras comunidades co risco que iso supón para a sociedade. A xente nova ten que entender que hai outras maneiras de divertirse. Debemos insistir nas medidas de prevención: espazos abertos, distancia social e prudencia ".

O doutor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC valora de xeito positivo o avance da vacinación entre a xente nova, pero lembra que o número de vacinas é limitado é que teñen prioridade os colectivos máis vulnerables. "Na medida que haxa vacinas, tentaremos que cheguen a todo o mundo, pero antes debemos poñerlles a dose completa aos grupos máis vulnerables. A experiencia británica demostrou que a nosa estratexia, acabar de poñer as dúas doses, fai que a transmisión do virus sexa moito menor. As vacinas chegarán, pero, mentres, debemos ser prudentes. É unha ferramenta que nos axuda a controlar a enfermidade pero non podemos despistarnos porque os riscos seguen aí. Cada vez que se transmite o virus, cada vez que se produce un contaxio, existe o risco de que xurdan novas variantes e iso pode ser peor".

Francisco Caamaño Isorna indica que a variante delta, como tal, non supón un problema grave, pero pode provocar novas mutacións. "Os últimos estudos científicos non apuntan a que a variante india represente en si mesma un problema grave. Tal vez hai unha alarma social excesiva. Con todo, debemos ser prudentes porque hoxe é a variante selta e mañá pode aparecer outra peor. Esa posibilidade existe":

O doutor de Medicina Preventiva da USC recoñece sentir preocupación ante a próxima reapertura do ocio nocturno. "A experiencia dinos que segue sendo un elemento preocupante. Sobre todo, hai que moderarse á hora de consumir alcol. Ese tipo de bebidas impídenos ser conscientes do risco que estamos correndo e das medidas que debemos adoptar. Insisto na recomendación para a xente nova e a sociedade en xeral: distancia social, espazos exteriores e, por riba de todo, prudencia".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia