CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Contra Torra viviamos mellor

30/01/2020 - 07:39 h

Case me dan ganas de empezar pedindo perdón e vouno facer: perdón, Maruja; perdón, oíntes todos, por ter que falar outra vez dese tal Torra que vive na súa república, representa a Puigdemont, e moitos de vosoutros dicides cada vez que o escoitades: anda e que lle dean. E hoxe, seguramente lle aplicades aquel dito: a inimigo que foxe, ponte de prata.

O que fixo onte este Xoaquín da nosa paciencia foi, ante todo, darlles unha patada por debaixo da mesa aos seus socios de Esquerra Republicana. Sentoulle tan mal que non se rebelasen contra a Xustiza de España e lle quitasen a acta de deputado que unha das palabras que máis dixo foi deslealdade. Deslealdade con el, pobre home, que tanto loitou pola unidade do independentismo, e así o dixo. Deslealdade con el, que non lle importa que o presidente do Parlament cometa un delito e acabe tamén fóra da cámara. Que falta de solidariedade co líder! Non merecen que un ser superior coma Torra goberne e lles faga un sitio no Consello de Goberno. Traidores, máis que traidores, que se someten ás normas do Estado opresor.

E agora que? Pois agora, a velas vir. Non lle axuda nada á imaxe de Sánchez velo con Torra, cando Torra dixo onte que vai explorar que hai da autodeterminación e de aí non hai quen o saque. Non axuda nada ao calendario do Goberno central, porque a campaña electoral de Cataluña pode coincidir coa tramitación parlamentaria dos orzamentos do Estado, e non vaia ocorrer que Esquerra se lance pola rendible vía de opoñerse e se poña en perigo a coalición de Sánchez e Iglesias e haxa que volver a eleccións xerais en España. Ponse máis en dúbida e máis dura a negociación con Esquerra; non sexa que o partido de Torra quede como máis independentista e lle quite votos. E, sobre todo, non cambia o panorama de futuro, que Esquerra ben que se preocupou onte de marcar territorio e dicir que o inimigo é o Estado e a represión.

Ese é o retrato da nova situación que abriu o señor Torra.

Teño para min que nos temos que ir preparando para dicir aquilo de "contra Torra viviamos mellor". Un toleirán nun Goberno pode facer moitas toleadas, pero é doado de combater, precisamente polas toleadas que fai e que di. Un tío sensato coma Junqueras, benquerido Valiñas, un tío sensato que sabe que non pode facer nada mentres a porcentaxe de separatistas non sexa moi superior ó cincuenta por cento, coidado con el.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia