Galicia por Diante
Cataluña, vaia vostede saber
O escritor Eduardo Mendoza, que vive en Barcelona e anda de promoción dunha novela, declara hoxe: "Eu xa non sei o que está pasando en Cataluña". Eu tampouco. Teño, coma todos, algunha intuición, pero máis nada. O único certo é que non hai día sen sorpresa nin amencida sen alarma, e non só do espertador. Hoxe, por exemplo, pódese ler nun xornal que os CDR, os Comandos de Defensa da República, que fan todas as algaradas, reportan a Puigdemont en Waterloo. Polo tanto, dependerían del. Polo tanto, a dirección política, que tanto se busca, corresponde a Puigdemont, cousa que a min non me estraña en absoluto.
E Puigdemont estará hoxe ante o xuíz, en principio para cuestións de procedemento, previa á decisión xudicial de se se entrega ou non se entrega á xustiza española. E caben todas as posibilidades: que si, que non, ou algo peor. Que se entregue só polo delito de malversación, e non por sedición, porque ese delito non está claro que exista en Bélxica como tal.
Mentres, o que funciona en Cataluña é a técnica de subversión. Aos independentistas hai que recoñecerlles habilidade para a provocación. Onte intentaron tapar a estación de tren de Sants durante todo o día para provocar imaxes de rebeldía. Ao mesmo tempo, fixeron unha ficción de autoinculpación colectiva nos delitos polos que foron xulgados os presos do 'procés', e conseguiron que uns centos de persoas participasen nesa pantomima, co obxectivo de boicotear os xulgados. A misión é ter visibilidade do que lle chaman conflito.
Pero o que máis chama a atención da visibilidade é o que dixo a presidenta da Asemblea Nacional Catalá, Elisenda Paluzie, que declarou que os actos violentos fan visible o conflito catalán en todo o mundo. Como a señora Paluzie é responsable da organización que máis mobilizacións convoca, hai que supoñerlle autoridade para dicir o que di. Traducido: a violencia non lle vén mal á Cataluña independentista. Se o Goberno catalán creou o Diplocat para ter embaixadas e difundir polo planeta as razóns para reclamar a independencia, os disturbios veñen ser o complemento de imaxe. Queimar Barcelona para que se vexa no mundo que existe Cataluña e que protesta. Poñamos esa frase na antoloxía dos disparates políticos deste tempo. E engadamos algo que teño escrito por aí: cando os disturbios empecen a aburrir, cal será o xeito de chamar a atención do mundo? Buscar un morto, quizais? Aí o deixo.