CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia: "A preferencia polo turismo nacional favorece a Galicia"

29/06/2021 - 08:14 h

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, confía en que o aumento dos casos de covid sexa algo puntual e que non afecte as boas expectativas do sector, a piques de comezar a campaña de verán. "Estamos empezando a tempada estival e as noticias que chegan, sobre todo, doutras comunidades poñen de manifesto que debemos seguir extremando a prudencia e respectando ao máximo as normas hixiénico-sanitarias. Agardamos que Galicia faga as cousas ben, como ata agora, e que os casos non repunten, que sexa algo puntual". "Favorécenos moito que o turismo nacional sexa a opción preferida para a maioría dos españois. Xa o ano pasado aumentaron as viaxes desde lugares que están a dúas, tres ou catro horas de Galicia en coche. As cifras de ocupación para o mes de agosto están no 60-75% . Para xullo, que está a piques de comezar, as reservas aumentan timidamente, pero confiamos en que a prudencia e a meteoroloxía contribúan a que sexa un bo verán".
 
O presidente do Clúster agarda que as imaxes de botellóns en distintos puntos de Galicia non afecten a campaña de verán. "Non hai dúbida de que as noticias negativas poden afectar as reservas. Pero xa o ano pasado demostramos que Galicia é un destino seguro e tranquilo, que o turismo que nos visita vén gozar das paisaxes e da gastronomía, e cada ano son máis as persoas que nos visitan. Temos que seguir nesa liña ascendente, coa axuda, ademais, do Xacobeo, que atraerá moita xente á nosa comunidade. Iso si, pedimos sentido e moita prudencia".
 
Cesáreo Pardal pide un maior control das autoridades para evitar imaxes como as de Mallorca ou como as que se viviron en varias cidades de Galicia durante a primeira fin de semana sen máscara en exteriores. "Estase demostrando que os contaxios se producen en situacións que están fóra de control. É necesario un maior esforzo para evitar ese tipo de situacións. A propia administración e as autoridades teñen que controlar os responsables, e, se é necesario, impoñerlles sancións. Non pode permitírselles que xoguen con vidas humanas. O ocio nocturno é o máis prexudicado. Algúns empresarios do sector aseguran que non van abrir o día 1 de xullo, como tiñan previsto, por medo a que os gromos poidan criminalizar unha vez máis a súa actividade". 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia