CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rosa Quintana: "O 'brexit' vailles afectar a todas as frotas: tanto á baixura como a de litoral, altura e grande altura"

30/12/2020 - 08:17 h

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, advirte que todas as frotas galegas sufrirán as consecuencias do Brexit. A baixura e o litoral poderían ter recortes de capturas, sobre todo en especies como xurelo, xarda ou lirio, porque os británicos poderían aumentar moito as súas propias cotas de pesca, polo que a Unión Europea, que adoita seguir os criterios científicos, só permitiría pesca dos restos. É algo que xa adoita ocorrer con Feroe e Noruega, que collen grandes cantidades de xarda e lirio, reducindo as cotas europeas.

No caso da frota de altura e grande altura, poderían verse prexudicados porque os barcos que teñan que abondar as augas británicas serán recolocados nos seus caladoiros, polo que haberá que repartir o peixe entre máis buques.

"Na cadea extractiva aféctalles a todos, tanto á frota de baixura, porque vai ver reducidas as súas posibilidades de pesca, como á frota de altura e grande altura. E tamén a frota de litoral. Aínda que digan que nestes momentos as especies peláxicas non sufriron unha minoración, o que si está claro é que vai haber unha recolocación de toda a frota pesqueira da Unión Europea que non poida estar extraendo recursos nas augas británicas e que vai distribuírse polo resto das augas da Unión".

A conselleira tamén lle pide ó Goberno que axilice os trámites para que os barcos que aínda permanecen en augas británicas poidan seguir traballando a partir do día 1.

"Esperamos que entre hoxe e mañá poidan recibir esa autorización porque, en caso contrario, mañá terían que abandonar esas augas e cambiar de caladoiro, aínda que non remataran a súa campaña. Son unha chea de incertezas as que se  nos abren por diante. Complicada a situación, si".

"A actividade vaise poder manter o día 1 se reciben a autorización para estar nesas augas hoxe ou mañá. Por iso lle pedimos ó Goberno do Estado que acelere esa tramitación das licenzas para poder seguir pescando".

"En marzo veremos en que se transforma esa cesión dese 25 % de cotas, que aínda non temos nada claro".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia