CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ana Felgueiras, do Clúster Alimentario: "Ser sustentable para as empresas alimentarias non é unha opción, senón unha necesidade"

28/11/2019 - 08:27 h

O clúster das empresas galegas de alimentación insisten en que a loita contra o cambio climático e as novas esixencias ambientais fan absolutamente necesario que o sector deixe atrás as vellas técnicas de usar e tirar, para non xerar residuos e para aforrar enerxía. Deste xeito, di o clúster, conseguirán aforrar custos e chegar a uns consumidores cada vez máis esixentes, que mercan produtos responsables co ambiente.

"Hoxe en día, ser sustentable para a empresa alimentaria, con todo o peso que ten, sobre todo en Galicia, non é unha opción, é unha necesidade. As materias primas están esgotadas, a enerxía está cada vez máis cara, veñen por diante moitas medidas impositivas ambientais, o cambio climático está diminuíndo os rendementos dos cultivos e os residuos teñen que ser xestionados para que se manteña o máximo posible".

Ana Felgueiras avanzou que as administracións van impoñer impostos novos para gravar as prácticas contaminantes, polo que as empresas se teñen que adaptar.

"Veñen medidas fiscais e normativas moi duras por diante por incumprimento de medidas ambientais. Ademais, non o esquezamos, daremos resposta ao que nos pide cada vez máis o consumidor: cada vez máis concienciado, cada vez máis interesado nun produto que sexa da terra, que sexa local, que sexa producido de maneira que non prexudique ou que prexudique o menos posible o ambiente. Isto, estamos concienciados todos, abriranos tamén ás empresas galegas novos mercados, máis duradeiros e máis sustentables".

Felgueira, que onte encabezou en Santiago unhas xornadas sobre os retos de futuro para o sector alimentario, puxo dous exemplos de empresas que pretenden eliminar residuos, dándolles valor a elementos que ata o de agora adoitan desbotarse: o soro e a lactosa das empresas do leite, e os restos de peixe cos que xa están facendo pensos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia