Galicia por Diante
Ethel Vázquez: "Calquera que estea na Gudiña pode ver que queda moitísima obra por facer. O tempo dirá"
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, considera que será moi complicado que o Goberno remate as obras do AVE a Madrid dentro dos prazos prometidos, que incluían rematar os traballos neste ano 2019 e que os trens empezasen a funcionar en probas. Replícalle así ao presidente do Executivo en funcións, Pedro Sánchez, que dixo onte nun acto electoral socialista na Coruña que "cumpriría co AVE".
"Non fai falta tampouco ser especialista nin enxeñeiro de camiños nin en obras ferroviarias. Creo que achegándose ás obras e vendo o que falta e o que está por facer... Eu convido tamén a que se fale cos alcaldes, por exemplo o da Gudiña, que ven o día a día e palpan o día a día na zona. Ou o que din os traballadores".
"Na Xunta o que fixemos é poñer sobre a mesa a verdade, por certo, unha verdade bastante incómoda e lamentable, dun novo atraso. O que parece que é, coa visita de Pedro Sánchez como candidato a presidente do Goberno a pedir o voto, é que estamos ante un novo engano en relación co AVE a Galicia".
"Que veña o ministro a Galicia con claridade, con argumentos, a explicar cales son os prazos. Ata o de agora, o Goberno non aclarou se vai cumprir os prazos ou non. ADIF di que está traballando día e noite. Non o discutimos. Nós tamén traballamos moitísimo. Pero do que estamos a falar é de prazos, de cando rematan as obras, de cando se inicia o período de probas e despois cando se finalice e poidamos coller o billete con todas as garantías de calidade".
"Ata agora, non se ten aclarado se van cumprir os prazos. Téñennos insultado, descualificado. E ata nos teñen dito que non podemos falar do AVE a Galicia, porque é unha infraestrutura que fai o Estado. E téñennos tentado dicir que o Goberno galego non pode facer seguimento do seu principal obxectivo en materia de infraestruturas, que é a chegada da alta velocidade a Galicia".
A conselleira recordou que oficialmente os prazos inclúen o remate das obras para este ano 2019, polo que considera que será moi difícil cumprir.
"(2019) É o que lle fixo chegar oficialmente ao propio presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, o noso presidente Feijóo. Quedan dous meses e tres días. Calquera pode prever que en dous meses e tres días... Creo que nin o teñen que dicir os técnicos, a quen nós lles pedimos o informe correspondente. Calquera que estea na Gudiña, que estea nesas zonas, pode ver que queda moitísima obra por facer. Polo tanto, en dous meses e tres días... O tempo dirá".