Galicia por Diante
Margarita Poza: "Aumenta a presenza da variante delta nas augas residuais da Coruña"
A análise das augas residuais da Coruña reflicten unha maior presenza da variante delta, segundo explicou no 'Galicia por diante' Margarita Poza, coordinadora dun equipo que analiza a incidencia da Covid-19 a partir das augas negras que chegan á depuradora de Bens. A doutora Poza está á fronte do proxecto Edar Bens que desenvolve o equipo de Investigación Biomédica da Coruña. Analizan as augas residuais urbanas da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. "Levamos, dende abril de 2020, secuenciando as variantes da covid na auga. Igual que hai meses detectamos a variante británica, nas últimas semanas observamos varias mutacións da variante delta, cada vez aparece con máis frecuencia. Nunha mostra de augas residuais hai unha mestura infinita de variantes diferentes, pedazos de material xenético que despois tes que ensamblar coma se fose un crebacabezas. Un conxunto de mutacións dan lugar a unha variante. Estamos poñendo a punto un algoritmo que nos vai permitir establecer a frecuencia de cada variante. De calquera xeito, non se pode extrapolar a frecuencia das mutación á frecuencia das variantes".
A investigadora Margarita Poza puntualiza que o feito de que detectaran primeiro unha soa mutación da variante delta e que agora vaia en aumento indica que cada vez hai máis material xenético da variante delta na auga residual. "As análises apuntan a que a incidencia da variante india vaise incrementando. Sabiamos que, tarde ou cedo, ía chegar. Cada localidade vai ao seu ritmo. Chegou a uns sitios antes ca a outros, pero está claro que no prazo dun mes, ou mes e medio, será a dominante. A variante delta transmítese a maior velocidade que a británica e esa tardou pouco tempo en chegar. Así que, é de agardar, que pronto estea aquí".
Outro dato que se tira do estudo que promoven a Uuniversidade da Coruña e Edar Bens, a empresa encargada da depuración das augas residuais da área metropolitana da Coruña, indica que o virus segue circulando entre as persoas vacinadas. "O feito de estar vacinado impide que desenvolvas a enfermidade, pero non que te infectes e propagues o virus. O aumento de casos pode deberse a que o virus segue circulando entre persoas vacinadas. Ademais, a aparición de novas variantes pode facer que as persoas infectadas excreten moito máis virus do agardado nas súas feces, e que, en consecuencia, apareza unha cantidade de virus esaxerada nas augas residuais. Pasou coa variante británica e supoñemos que está ocorrendo o mesmo coa delta. A iso hai que sumarlle esa transmisión silenciosa que pode estarse dando entre persoas vacinadas".