CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A CEG e a federación galega de UXT avalían positivamente a prórroga dos ERTE

28/05/2021 - 08:33 h

A patronal galega e UTX-Galicia avalían positivamente a prórroga dos ERTE ata finais de setembro que aprobou onte o Consello de Ministros, previo acordo na mesa de diálogo social. 

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, cre que o documento recolle un equilibro perfecto entre as demandas iniciais de todas as partes. Lembra que "pediamos ata o 31 de decembro", pero aprobalos ata o 30 de setembro xogou a favor do consenso: "Foi unha perfecta combinación entre oferta e demanda. O que funciona ben, para que imos cambialo".

Da mesma opinión é o secretario xeral de UXT Galicia. José Antonio Gómez apuntaba na Radio Galega que haberá que volver revisar a situación económica a finais de verán, porque "os ERTE teñen que continuar mentres dure a pandemia, haberá que ver os datos en setembro".

Vieites e Gómez falaron tamén da reforma laboral que prepara o Goberno. O presidente de patronal di que os empresarios non se opoñen a facer reformas,"evitar as desigualdades entre tipos de contratos, recortar o paro xuvenil", pero piden que non se toquen os aspectos que funcionan. Dende UXT inciden na necesidade de recuperar "a ultraactividade dos convenios colectivos e a prevalencia dos convenios de empresa sobre os sectoriais".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia