CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cataluña, supremo barullo

28/01/2020 - 07:37 h

Intentei seguir o pleno do Parlamento catalán, porque xa o temía: seguro que Valiñas me pregunta mañá por isto. E dígoche a verdade: custoume moito traballo. Hai que ser moi catalán, ou polo menos algo catalán, para entender esa trangallada. Chegou un momento dos debates ou das interrupcións en que xa non sabía por que Esquerra quere tanto a Torra, pero non o quere de deputado, ou por que aprecia tanto a soberanía do Parlamento e fala de invasión do Estado, pero non se xunta á rebeldía dos demais independentistas. O que menos entendo é que Torra sexa presidente mentres non se diga o contrario, e ten de vicepresidente a un señor de Esquerra, cando os seus dous partidos se levan a matar. Xa digo: hai que ser moi catalán para entender demasiadas cousas.

No que eu alcanzo a entender, as conclusións do que pasou onte son as seguintes:

Primeira. Torra xa non é deputado. Pero non quere deixar o escano porque non se fía. Pensa que, como xa lle din os de Ciudadanos e o PP, en canto non teña a acta de deputado, irán a por el como presidente.

Segunda. Torra tampouco ten liberdade para actuar ou mandar todo ao nabo, porque non é el quen manda. Quen manda é Puigdemont, e Puigdemont soña con que veña un vento mareiro que lle permita ser candidato á Generalitat. E Torra debe gardarlle a cadeira mentres tanto.

Terceira. Aquí hai unha división moi clara dos independentistas, que se transforma, como dixo o voceiro do PP, nunha cruel loita de poder na que xa non se respectan os acordos de antes.

Cuarta. Esquerra Republicana é, dentro do independentismo, a forza máis razoable, porque polo menos pensa que unha desobediencia nova sería absolutamente estéril. Rebelarse contra a inhabilitación de Torra non beneficiaría a ninguén.

Quinta. O Parlamento catalán non sae tampouco prestixiado das escaramuzas de onte. Aquilo converteuse nunha gaiola de grilos, como corresponde á división das forzas políticas. A ver se serve, polo menos, para que os independentistas se dean conta de que hai máis sensibilidades que as súas.

Sexta. Non ten moito sentido prolongar a lexislatura. O mellor que pode facer quen teña esa capacidade é convocar eleccións. Pero non nos fagamos ilusións fóra de Cataluña. Nesta película sempre gañan os malos.

E sétima. Eu, se fose Pedro Sánchez, non me xuntaría con Torra a negociar nada. Primeiro, porque non hai nada que negociar con el. E segundo, benquerido Valiñas, porque empeza a ser un cadáver político. E os cadáveres cheiran cando levan moito sen enterrar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia