CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Sánchez, silencio

27/12/2019 - 07:41 h

Dúas cousas que me interesan do Consello de Ministros de hoxe. A primeira, a ver que fai coas peaxes da AP-9. A suba que pretende a concesionaria é a meirande de España, como se antes fose barata. Teño entendido que non a vai autorizar. Se e así, o Goberno de Sánchez demostrará, polo menos, algo de responsabilidade: non se pode castigar unha comunidade autónoma cuns prezos de escándalo por un servizo que ten mala alternativa. E, aínda que a tivese boa, no ten xustificación que toda unha comunidade sexa condenada a enriquecer uns cantos petos privados.

A segunda é que, se nada cambia nas vindeiras horas, o señor presidente do Goberno en funcións non vai comparecer ante a prensa para facer o que sempre se fixo nesta data, o derradeiro Consello de Ministros do ano. Era tradición que o xefe do Executivo dese a conferencia de prensa de despois da xuntanza do Goberno, non para dar moita información, pero si para facer propaganda do moito e do ben que o fixera durante o ano. Chegouse a converter en tal tradición, que o xefe da oposición escoitaba esa conferencia de prensa para saír despois dende a sede do seu partido a rebater o triunfalismo gobernamental. Era unha especie de debate a distancia, tamén o último debate do ano.

E, como digo, se nada cambia, este ano quedaremos sen ver o espectáculo. Pedro Sánchez non comparecerá, e é unha pena que se perdan os bos costumes, aínda que sexan propagandistas e triunfalistas. Din que o señor presidente renuncia á posibilidade de explicarse por respecto ás negociacións e aos negociadores da abstención de Esquerra. A verdade pode ser menos alambicada: quizais ten medo de provocar o cabreo de Esquerra, como adoita ocorrer cada vez que fala diso algún membro do Goberno. Cando falou Ábalos, Esquerra respondeu que era unha chantaxe. Ou quizais sexa que a situación é inconfesable

En todo caso, esa ruptura da tradición é unha mostra alarmante do uso que se fai da información e un triunfo do escurantismo, como xa vén sendo costume. O Goberno só informa do que lle convén ou cando non queda máis remedio. Cando pode escapulirse, escapúlese. Non quere dar a cara. E, polo novo principio de que os acordos que se alcanzan, alcánzanse pola discreción, apágase a luz, e que funcione o rumor ou a desinformación.

É certo que este ano non hai moito de que presumir, se pasamos todo o tempo de elección en elección e a obra do Goberno é perfectamente descritible. Pero, home, unha explicación quedaría ben. E, respecto de Esquerra, tamén se pode pactar o que se vai dicir. Pero no hai vontade política, benquerido Valiñas, que lle imos facer.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia