CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eleccións locais

27/05/2019 - 08:17 h

Se me pides un resumo do que pasou onte, ten que ser o mesmo que fixeches ti: gañou o PSOE, e o PP mantense bastante ben e non ten a perda de poder, polo menos autonómico, que se lle supoñía segundo as enquisas. O que lle dá a vida a Pablo Casado é o que pasou en Madrid e o que pasou con Ciudadanos. Sobre todo o que pasou en Madrid, que din que fixo chorar os traballadores de Génova, que non contaban con manter nin a alcaldía nin a Comunidade. Estivo perdendo ata cerca das 12 da noite, e chegou o luns con ese agasallo. Parabéns.

Que é o que pasou para que gañasen os socialistas tanto en Galicia coma no resto de España? Pasou que se beneficiaron do efecto Sánchez. Este home, que hai un ano chegaba da nada á presidencia do Goberno por unha moción de censura, fíxose co poder, amosouse moderado, fixo do sorriso unha forma de facer campaña, converteuse en líder das esquerdas a conta de Unidas Podemos e gañou catro eleccións nun mes. Onte, tres nun día. É mérito seu, non do PSOE. O PSOE o que fixo foi resucitar á calor do tirón do seu secretario xeral.

O Partido Popular arrancou o reconto de votos con resultados tan negativos que eran para que Casado subise ao último piso de Génova e se tirase de cabeza. Perdía todo, inclusive Málaga, onde leva un cuarto de século gobernando con maioría absoluta. Pero foi recuperando, recuperando e pódese dicir que acabou o reconto sendo o partido máis feliz do mundo.

Despois desas anotacións, o máis rechamante é o que perdeu Podemos. Se se compara coa porcentaxe de votos que tivo hai catro anos, perdeu catorce puntos, que é unha barbaridade, e fai a Pablo Iglesias o perdedor da xornada e debilítao moito decara á negociación para entrar no Goberno. Cun 10 por cento dos votos, non está nas mellores condicións para reclamar nada. Quen lle quitou votos foi precisamente o encargado de acollelo no seu equipo.

Despois temos o caso de Ciudadanos, que non pasou por diante do PP, pero convértese no partido clave para a formación de maiorías. Se non quere darlle gobernos ao PP, pode deixalo na oposición. Por poder, podería incluso manter a Carmena no Concello de Madrid, pero non o vai facer. Agardo que administre ben esa capacidade que ten.

E, en conxunto, se o PSOE gaña e o PP non perde moito, saíu reforzado o bipartidismo. España votou moderación e baixoulles os fumes aos máis radicais, que son Podemos e Vox. Só é un pouco alarmante o que pasou no conxunto de Cataluña, onde os partidos independentistas reparten o pastel. Incluso dominan o Concello de Barcelona, que era o refuxio do constitucionalismo. Madrid e, sobre todo, o PP teñen que cambiar a política alí. Os partidarios de solucións duras poden desaparecer.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí