CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Torra e a dignidade

27/01/2020 - 07:36 h

Isto de Torra é o capítulo tropecentos mil dunha historia interminable. Un capítulo máis. Convén recapitular un pouco para entender o que pasa. Como se sabe, a Xunta Electoral condenouno a inhabilitación por desobediencia por non retirar os símbolos “indepes” na campaña electoral. A posición de Torra é que a el non o cesa ninguén, porque o Parlamento é autónomo, e só o Parlamento o pode cesar. Xa dixemos algún día que el entende que preside unha república, a República Catalá, e un Estado estranxeiro non pode meter as mans en asuntos internos. Pero, a pesar de todo, como ninguén é perfecto, acode en recurso ao Tribunal Supremo para que anule o que dixo a Xunta Electoral, e mala sorte: o Supremo di que está inhabilitado. E claro: como a decisión do Supremo non lle convén, volve ao punto de saída e volve a dicir que a el só o pode cesar o Parlamento.

E iso é todo. Hoxe hai ese pleno do que se vén falando en Galicia por diante, e Torra xa non decide el só. A decisión é de Torrent. De Torra a Torrent. Se Torrent, que é o presidente do Parlamento catalán, lle deixa votar, é Torrent o que cae en delito de desobediencia e terá que ser xulgado por iso. E se se aproban pasadomañá os presupostos da Generalitat cos votos de Torra, eses Presupostos poden ser anulados non sei por que instancia xudicial ou polo Constitucional. E algo aínda peor: se Torrent lle retira a acta a Torra, será porque o seu partido, Esquerra Republicana, lle mandou retirala. Consecuencia número dous: como Esquerra forma parte da coalición de goberno, esa coalición rompe e non queda máis remedio que ir a eleccións.

Este é un asunto interno de Cataluña, dirán os oíntes, e teñen razón. Pero, se se vai ao adianto das eleccións, mal clima para que se poida xuntar a mesa de negociacións que Sánchez prometeu para dúas semanas despois da constitución do Goberno español. Un período electoral non é o mellor clima para negociar nada, e menos aínda o futuro de Cataluña cun partido que é claramente independentista, aínda que sexa moi dialogante e negociador.

E a segunda cuestión é que Sánchez mantén o compromiso de reunirse con Torra na primeira semana de febreiro. Xa é pouco decente que un xefe de Goberno negocie cun condenado. Pero sería moito menos presentable que negocie cun señor que desacata ao Tribunal Supremo, aínda que siga sendo presidente da Generalitat. Aquí está en xogo todo, benquerido Valiñas. Pero non é asunto pequeno que estea en xogo a dignidade.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia