CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O Clúster Galego da Alimentación busca novos nichos de mercado á espera de que se reactiven o turismo e a hostalaría

25/09/2020 - 08:27 h

O sector da alimentación busca novas fórmulas de venda e "novos nichos de mercado" á espera de que a pandemia permita a recuperación "do eixe alimentación-gastronomía-turismo".

O xerente do clúster galego da alimentación, Roberto Alonso, apunta nunha entrevista na Radio Galega as oportunidades que ofrece o comercio electrónico, que medrou considerablemente durante os últimos meses. 

Alonso aplaude tamén iniciativas como Mercaproximidade, unha canle de distribución impulsada pola Xunta en abril para dar saída a produtos que antes da pandemia se ofrecían en mercados locais e establecementos hostaleiros. 

O xerente do clúster considera que os produtos galegos parten coa vantaxe da súa reputación, "cunha calidade diferenciada" a nivel europeo, polo que cre que a crise pode ser unha oportunidae "para que os nosos produtos sexan valorados fóra".

Alonso referiuse tamén ao proxecto de lei da cadea alimentaria, que o Goberno quere aprobar antes de final de ano. Na súa opinión, o fundamental é "regular para que todos os elos, desde a produción primaria, poidan ter unha retribución xusta e non haxa ningunha alteración na cadea".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia