CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade: "Temos que acostumarnos aos brotes mentres non haxa vacina"

26/06/2020 - 08:19 h

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asegura "que o brote de coronavirus da Barbanza semella estar xa controlado e estabilizado e que non vai medrar máis", fronte ao da familia de Xove, na Mariña, con once casos positivos segundo os últimos datos, que "aínda está en fase de revisión, de supervisión de contactos, de facer probas", e, adianta Vázquez Almuíña, "pode haber algún positivo máis".

Nunha entrevista no Galicia por diante, o conselleiro advertía que "temos que ir acostumándonos aos brotes, porque ata que non teñamos vacina a circulación do virus pode afectar parte da poboación". Segundo Vázquez Almuíña, "o importante é diagnosticalos de forma prioritaria e illalos sen que poidan seguir contaxiando".

O conselleiro salienta que a aparición de rebrotes "non ocorre só aquí, senón en todo o mundo", así que pide que se manteña a "actitude responsable que sempre se manifestou en Galicia" e fai un chamamento especial "ás persoas máis novas, que son as que están facendo máis grupos, saíndo dese illamento". "Responsabilidade e sentidiño para evitar brotes", engadiu.

Nese sentido, Vázquez Almuíña pide que se eviten as aglomeracións e que se dea prioridade ao uso de máscara "nas contornas pechadas, pero tamén nas abertas", xa que, recoñece, "é difícil manter a distancia de 1,5 metros". Se cumprimos coas recomendacións, o conselleiro asegura que "podemos ter un territorio seguro, onde se poida facer unha vida normal", xa que, lembra, "as cifras seguen confirmando que somos a segunda comunidade que menos casos ten".

Concretamente, en relación á posibilidade de que se produzan novos casos importados segundo se vaia reactivando a afluencia de turistas, Vázquez Almuíña demándalle ao Goberno central que lle facilite á Administración galega "toda a información da xente que poida chegar de fóra de Galicia", especialmente "de países de risco como Rusia, Suecia, os Estados Unidos ou O Brasil". E lembra que o teléfono 881 00 2021 está á disposición disposición de todas aquelas persoas que visiten a nosa comunidade e presenten síntomas.

Plan de saúde mental

No último Consello da Xunta aprobouse un plan de saúde mental, ao que tamén se refería Vázquez Almuíña na Radio Galega. Asegura que "vén cambiar a saúde mental, tanto dende o punto de vista preventivo como asistencial", cun incremento de "241 prazas" entre psiquiatras, psicólogos, persoal de enfermaría especialista, auxiliares ou traballadores sociais.

Vázquez Almuíña explicou que o plan está formado por "98 protocolos", coa ollada posta especialmente "na poboación máis fráxil", polo que se vai potenciar, entre outros aspectos, "a psiquiatría infanto-xuvenil e a psicoxeriatría".

O conselleiro apuntou que "levabamos moito tempo traballando neste plan cos profesionais e as asociacións de pacientes, cun consenso importante" e "cando estaba practicamente listo, veu a pandemia e tivemos que cambiar o documento". Sobre todo, engade Vázquez Almuiña, para potenciar a teleasistencia, mais tamén para incluír novas patoloxías acentuadas pola COVID-19, como "a dor por pasar a enfermidade ou pola perda dun familiar".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia