CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Guitiriz e Xermade, as dúas caras da pandemia

26/02/2021 - 08:15 h

Guitiriz e Xermade son concellos limítrofes e comparten moitas das peculiriadades do territorio da Terra Chá, pero nas últimas semanas viven situacións moi diferentes. Mentres que Guitiriz se converteu no concello galego co maior número de contaxios por cen mil habitantes, en Xermade levan semanas sen detectar nin un só positivo.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, asegura que a alta incidencia do coronavirus no concello se debeu a varios factores: a presenza dunha variante especialmente contaxiosa e persistente e a que a maioría dos casos foron asintomáticos e tardaron en detectarse. Lembra que os primeiros contaxios se coñeceron aínda a principios de febreiro e afirma que nesta semana xa se nota unha baixada considerable no número de novos positivos. De feito, neste momento, Guitiriz acumula 74 casos nas últimas dúas semanas, o que supón unha incidencia de 1.300 casos por cen mil habitantes, moi lonxe dos máis de 2.000 de mediados de mes. Con todo, Guitiriz é un dos dez concellos que amosan aínda unha situación epidemiolóxica de maior risco, co que manterá nos próximos días o nivel máximo de restricións. Para a alcaldesa, a mellor noticia é que de todos os infectados, moi poucos sufriron complicacións graves.

Pola contra, Xermade mantense unha semana máis libre de coronavirus. Con 1.800 habitantes e unha idade media de máis de 55 anos, o concello resistiu o ímpeto da terceira onda da pandemia e xa leva varias semanas sen detectar ningún contaxio. O alcalde de Xermade, Roberto García, cre que esta situación ten que ver coa dispersión da poboación, a escasa interacción social e a conciencia da poboación sobre a gravidade da pandemia. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia