CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Joaquín Cadilla, presidente de ORPAGU: "Os que máis queren prohibir o marraxo son os países que non teñen ningún interese nel"

25/11/2019 - 08:23 h

Aumenta a preocupación entre os palangreiros ante a posibilidade de que o ICCAT, a organización internacional que regula a pesca de atúns e tiburóns no Atlántico, prohiba pescar marraxo, unha especie que pescan case en exclusiva os barcos galegos e portugueses.

O presidente da organización de palangreiros da Guarda ORPAGU, Joaquín Cadilla, afirma que a medida non suporía o peche automático de ningunha empresa, xa que os barcos galegos non collen marraxo en exclusiva, senón que o seu obxectivo principal é o peixe espada. En calquera caso, matiza, si suporía unha diminución nos ingresos.

"Non é motivo para falar de prognósticos catastrofistas de que vaia desaparecer a frota por isto, pero é un suma e segue. É que estamos nun suma e segue e van pouco a pouco erosionando a viabilidade das pequenas empresas que somos, familiares, mariñeiros que temos barcos e que imos ao mar".

Cadilla di sentir que a frota galega e portuguesa é só unha moeda de cambio entre os países con intereses noutras especies, sobre todo o atún patudo.

"No patudo si que están implicadas grandes multinacionais moi potentes e aí si que vai haber un recorte de cotas drástico e complicado. Neste tipo de medidas, coma en todo tipo de negociacións, un acaba revolvendo a tripa e utilízase aquilo de 'eu apóiote aquí e ti deféndesme alá'. Neste tipo de transaccións é fácil meterse ata o fondo nunha posición na que ti non tes interese para logo conseguir contrapartidas nas que si tes intereses realmente, nas que se moven miles de millóns e grandes industrias que son multinacionais, que non sabes nin de onde son, pero claro, nós estamos aí no medio de toda esta batalla e somos fáciles de atacar porque somos vulnerables".

"Os ingleses veñen cunha delegación superpotente para falar dun tema en que non teñen nin o máis mínimo interese. E fano dentro da Unión Europea. Veñen dinamitar a Unión Europea. É que lles quedan dous meses dentro! A Unión Europea está cedendo ás presións dos ingleses".

"E están os norteamericanos por outro lado cunha proposta de prohibición do marraxo que curiosamente a presentaron países africanos, que están superinteresados en captar milleiros e milleiros de toneladas de atún patudo. O marraxo é só unha moeda de cambio. O tema gordo desta ICCAT é o patudo".

"Nós temos reunións coa delegación europea e parecía que as medidas ían polo sentido común, pero o certo é que neste momento a única proposta que está enriba da mesa é a da prohibición do marraxo. Non sabemos como vai saír, pero chama poderosamente a atención que os que máis queren prohibir son os que non teñen ningún interese nin en pescar nin en conservar o caladoiro".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia