CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Violencia contra a muller

25/11/2019 - 07:39 h

Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Vai ser, sen dúbida, unha gran mobilización. Xa comezou onte na praza do Obradoiro e seguirá hoxe en toda Galicia e en toda España. En todo o mundo, porque se trata dun problema universal. O que pasa aquí é que esa violencia é cada día máis grave. No que vai de ano xa levamos máis vítimas mortais ca en todo o ano 2018. Dende que se contan esas vítimas, o 2003, o número de mulleres mortas pola man dos seus maridos ou compañeiros sentimentais elévase a 1.027. Feminicidio, xa se lle chama. Unha traxedia. E unhas vítimas colaterais: os fillos, os nenos e nenas que quedan orfos de mai e de pai. De mai, porque foi asasinada. De pai, porque entra en prisión ou suicídase.

Cando falamos disto, eu teño a impresión de que estamos ante un fracaso colectivo. Fíxose unha lei e seguiron as mortes. Fanse campañas dirixidas a crear conciencia social, pero os asasinos non atenden a esas campañas. Hai estudos que revelan algo que fala dun mal futuro, porque a xuventude acepta un determinado grao de violencia nas relacións de parella, e son as mozas as que o aceptan, non podo entender por que.

E hai outras violencias que non producen a morte, pero son tamén terribles. É a violencia psicolóxica, que a muller sofre en silencio. E é a violencia sexual, que ultimamente coñece novas formas de práctica, como son as manadas, que atacan incluso a menores de idade. Esta mañá o xornal La Vanguardia publica que nun só hospital de Barcelona, o Clínic, atendéronse este ano cerca de cincocentas mulleres que foron agredidas sexualmente. Dous terzos delas, con violación.

Este é o retrato do drama. E nunca saberemos cantas mulleres sofren a violencia en silencio, sen atreverse a denunciar por razóns económicas ou de medo insuperable. Desexo que as protestas e as reivindicacións sirvan para algo. Non teño ningunha esperanza de que os asasinos reaccionen. Onde hai un criminal pódese cometer un crime. Pero si que sirvan para tres cousas: para que a muller ameazada denuncie; para que os veciños e familiares que noten algo, denuncien tamén; e para que o Estado, as policías, teñan recursos para garantir a seguridade das mulleres que están en perigo. E outra cousa: para que esa forza política que se chama Vox deixe de boicotear as declaracións institucionais, porque en todos os sitios onde ten poder, dedicouse a boicotear esas declaracións. E iso, benquerido Valiñas, non é de recibo.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí