CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Despois do traslado

25/10/2019 - 07:41 h

Como dicimos en Pol, mandaría pendello que o desenterro de Franco fose unha exaltación do franquismo. Pois non o descartemos, porque hai xente da oposición que o está dicindo. Por exemplo, o voceiro do PNV, Aitor Esteban, que viu as imaxes da televisión e acabou facendo este ditame: "Foi unha festa de exaltación e unha nova humillación". Por que se din estas cousas?

Porque ninguén viu como se sacaba a Franco do nicho en que estivo 44 anos, pero fíxose unha retransmisión case que cinematográfica do traslado, con vinte e dúas cámaras da televisión pública, para darlle máis emoción. E así, o que ía ser un traslado discreto, converteuse nun espectáculo que retransmitiron as televisións de moitos países. Para os que lles gustan este tipo de comparacións, non se fixo nada parcido con outros ditadores do mundo. Mingorrubio queda posto no mapa.
Por se faltase algo, Sánchez viuse na obriga de comparecer e facer unha declaración institucional, realmente institucional de partido, para darlle unha dimensión histórica ao feito e proclamar que se poñía fin a unha afronta moral e que se pechaba un capítulo negro da historia de España. Grandes palabras, moi ben buscadas, para enaltecer o feito á súa propia gloria.

Claro, un ve isto e chega á conclusión de que se pode confirmar que a explotación electoral estaba detrás de todo o cerimonial, ata o punto de que a Xunta Electoral tamén tivo que intervir e chamarlle a atención ao PSOE e ao Goberno de que non patrimonialice o traslado e que só fale del como un logro nos actos políticos de partido. Eu veño dicindo que non penso que teña moita rendibilidade en votos, pero a intención é a intención.

Ante esta situación, o que eu digo é que, en efecto, pechouse unha etapa. E a partir de aí, sigo expresando desexos: que isto non sirva para darlle vida a unha ditadura que houbo ata hai corenta e catro anos. E iso lévame a engadir que hai que ter moito coidado co que se vai facer agora. Concretamente no Val dos Caídos. Coidado con derrubar a cruz que domina ese espazo da serra do Guadarrama. Coidado coa explotación da basílica, non sexa que se queira facer un centro de reconciliación e resulte ao revés. E coidado con todos os afáns de derruba. Que non abusen das palabras, porque a reconciliación de verdade xa está feita. Non vaia ser que o revisionismo sirva para anular toda a obra da transición. Que me parece, Valiñas, que algo de iso hai.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia