CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Celta-Barça, Dépor-Ponferradina e Sporting-Lugo, no 'Galicia en goles'

25/06/2020 - 11:16 h

Celta-Barça, Dépor-Ponferradina e Sporting-Lugo, no Galicia en goles.  A Radio Galega contará esta fin de semana a quinta xornada da nova normalidade na Liga de fútbol e tamén a fase final da liga feminina de fútbol sala, que se disputa no pavillón Martín Carpena de Málaga.

O venres, desde as oito menos cinco da tarde na web radiogalega.gal e xa a partir das oito e media na FM, Paco Santos conduce a retransmisión do Ourense-Alcorcón, onde o equipo das Burgas xoga o partido de acceso á final do domingo, para a que xa está clasificado o Burela. A partir das once, o programa recollerá as opinións das protagonistas desde o hotel de concentración.

O sábado e o domingo, o Galicia en goles principia ás dúas e cuarto coa edición informativa, para dar paso ás tres ao contedor de retransmisións baixo a dirección de Xoán Galán. O Celta-Barcelona e o Deportivo-Ponferradina son os partidos destacados do sábado.

En Balaídos, o equipo de Óscar García Junyent enfróntase ao segundo clasificado, que necesita sumar os tres puntos para seguir meténdolle presión ao Real Madrid. A vitoria en Anoeta confirma o excelente momento do cadro galego, que, cando faltan sete xornadas para o final, ten xa un colchón de sete puntos sobre a zona de descenso. No caso do Deportivo, a situación tamén mellorou tras gañar en Elxe. A Ponferradina está nunha situación cómoda na táboa, mesmo non descarta pelexar pola fase de ascenso no treito final do campionato. Para o equipo que prepara Fernando Vázquez, os tres puntos son necesarios para dunha vez por todas iniciar a escalada.

Xa o domingo, o Lugo xoga no Molinón ante o Sporting de Xixón. Agora mesmo, o cadro de Curro Torres está en zona de descenso e o mércores que vén ten unha final no Anxo Carro ante o Numancia.

Xunto ao encontro de Xixón, a sesión da tarde dominical completarase coa final da Liga de fútbol sala feminino desde Málaga, entre o Burela e o vencedor da semifinal Ourense-Alcorcón. Galicia en Goles chega á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e os altofalantes Alexa. Ademais, no caso do encontro Celta-Barça, aqueles espectadores que sigan o partido por Movistar e LaLigaTVBar teñen a opción nas canles de audio de escoitar a retransmisión da Radio Galega.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia