CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Jesús Vázquez, alcalde de Ourense: "O Concello traballa para que a reconstrución sexa o máis rápida posible"

25/04/2019 - 08:21 h

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, estivo hoxe no Galicia por diante, despois do incendio que na madrugada do mércores arrasou as instalacións das termas Chavasqueira. Vázquez afirmou que "están á espera do informe da policía xudicial para esclarecer a causa do lume". Explicou que, por motivos de seguridade, onte non se puido entrar na zona que ardeu e que, cando sexa posible, os axentes accederán ao recinto para obter datos.

Jesús Vázquez salientou a importancia das termas Chavasqueira para o turismo e "para a dinamización económica da cidade", pero puntualizou que non cre que o incendio lle pase factura ao Ourense termal. Lembrou que hai outras opcións e que "o que se pecha é a instalación privada, pero a parte pública segue aberta "para gozaren veciños e visitantes".

O alcalde de Ourense agradeceu a axuda da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia e asegurou que no Concello "imos poñer todo da nosa parte para que se volvan reconstruír o antes posible". Engadiu que están en contacto coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para "sacar adiante a rehabilitación inmediata da Chavasqueira".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia