CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Almuíña: "Debemos estar no diálogo e o consenso para mellorar a atención primaria"

25/01/2019 - 08:08 h

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, apela ao "diálogo" para pactar medidas que axuden a mellorar a atención primaria na área sanitaria de Vigo. Responde así despois de que o serán pasado milleiros de persoas se manifestasen en Vigo en defensa da sanidade pública. Os manifestantes, convocados pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo, demandan máis medios humanos na sanidade pública e melloras na atención que se presta aos doentes. Almuíña di que a área sanitaria viguesa conta co que define como "excelentes profesionais" e asegura que "o Sergas seguirá falando con eles". "Respectando as manifestacións, creo que debemos estar no diálogo e no consenso", di.

Almuíña insiste na necesidade de que o Goberno faga unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR de medicina familiar "para acelerar a formación" de futuros profesionais que "substitúan aos que se van xubilar ata o 2030". Tamén que "o Executivo elimine as taxas de reposición de médicos polo menos nas especialidades máis deficitarias, como atención primaria e pediatría".

Sobre as listas de espera, que se reduciron ata os 61,6 días de media en 2018 para unha intervención cirúrxica, o conselleiro de Sanidade di que "o obxectivo é sempre seguir mellorando porque a espera é o que a poboación máis demanda". Vázquez Almuíña destaca que "a media de todas as intervencións cirúrxicas é a máis baixa desde que hai rexistros. Imos baixando continuamente a demora, pero para nada estamos satisfeitos; queremos máis". Pon en valor que "puxemos en marcha (por parte do Sergas) algo que está consolidado, que é a espera de tempos máximos, na que hai un límite de 60 días para atender 108 patoloxías.

Así mesmo, referiuse a que o Hospital Lucus Augusti disporá de hemodinámica durante as 24 horas a partir do 18 de febreiro. Dende esa data, as persoas que sufran un infarto ou un accidente coronario poderán ser atendidas a calquera hora e calquera día da semana, polo que non haberá que trasladalas á Coruña. Este servizo era unha vella demanda dos lucenses e provocara importantes mobilizacións na cidade. O conselleiro de Sanidade di que "temos un servizo de cardioloxía en Lugo maduro para asumir as 24 horas e seguiremos facendo controis periódicos para saber se hai que facer melloras no servizo para diminuír máis a mortaldade".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí