CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José González, conselleiro do Medio Rural: "A nova lei trata de recuperar a terra para poñela en valor"

24/12/2019 - 08:14 h

A futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia está a piques de iniciar a súa tramitación parlamentaria. A norma pretende garantir a continuidade nas explotacións agrogandeiras, evitar o seu abandono e fomentar a ampliación de superficie das que están en activo.

Esta mañá, no 'Galicia por diante', o conselleiro de Medio Rural, José González, explicou que a Xunta está a efectuar unha rolda de contactos "cos diferentes sectores ligados ao ámbito agrario" para transmitirlles os obxectivos da lei, que se aprobará "ao longo de 2020".

Dixo que "a recepción está a ser boa" porque "é unha lei que trata de recuperar terra para poñela en valor" e "resolver o problema de moitas explotacións agrarias con demanda territorial" para que os seus responsables entren "en contacto cos propietarios desa terra para poñela a traballar", engadiu.

Un dos mecanismos que incluirá a lei é o banco de explotacións, incluído dentro do banco de terras. O conselleiro explicou que "observamos que hai explotacións gandeiras con problemas de remuda xeracional e que van pechar, pero son rendibles". Por iso, o banco pretende "poñelos en contacto con xente que os poida arrendar ou comprar" co fin, tamén, de "intermediar e garantir o pagamento aos gandeiros".

Finalmente, José González lembrou a recente aprobación dunha liña de axudas de 5 millóns de euros para garantir que os seguros cubran os efectos de temporais coma os dos últimos días.

"É importante transmitir esa necesidade de ter seguros que permitan a cobertura de situacións deste calibre", indicou.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia