CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Miguel Santalices: "Espero un debate da autonomía realista e construtivo"

24/09/2019 - 08:17 h

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, espera que no debate sobre o estado da autonomía que comeza mañá "se fagan propostas factibles e que teñan que ver coa realidade e coas necesidades de Galicia, e tamén agardo que sexa, como en anos anteriores, un debate clarificador e construtivo, que cadaquén poida expoñer a súa visión da realidade, e construtivo, porque penso que se poden facer propostas de resolución útiles para o país". Lembra que "o ano pasado se aprobaron 53 cun nivel de cumprimento do oitenta por cento".

Miguel Santalices sinala que o asunto da débeda do Estado coas comunidades autónomas é "un tema que seguro que se vai falar porque é un asunto de vital importancia para o normal funcionamento dos servizos públicos na nosa comunidade, como poden ser a sanidade, a educación ou mesmo a dependencia, e o sucedido ata agora fai que este punto se teña que abordar no Debate da Autonomía". Afirma que "estamos falando dunhas partidas moi importantes para o devir dos Presupostos da nosa comunidade; polo tanto, este vai ser un punto central no Debate da Autonomía, iso sen ningunha dúbida".

Sobre o balance do debate parlamentario no que vai de lexislatura, Santalices di que "hai unha gran cantidade de debate. Somos o Parlamento con máis horas de debate, ao tempo que nos converte no Parlamento máis eficiente, ou sexa, moita capacidade produtiva, moitas propostas de control ao Goberno, moitas propostas a través de proposicións non de lei a un custo moi razoable, que é como medimos a eficiencia do noso Parlamento". Di que "somos quen de chegar a acordos en asuntos importantes. Eu penso que se acadou un consenso tanto en pleno coma en comisión de moitas das propostas formuladas polos distintos grupos, que creo que fai que teñamos un balance positivo do funcionamento do Parlamento nesta lexislatura".

De cara ás eleccións autonómicas de 2020, o presidente do Parlamento pensa que proximamente "se vivirán na Cámara situacións que teñen que ver coas eleccións, e a min iso non me parece mal, sempre que os debates vaian con profundidade, con asuntos importantes, pero sempre coa óptica dun respecto e da dignidade que ha de estar por riba de todo nas actuacións que fagamos no Parlamento. Eu entendo que isto non é difícil de cumprir. Non teño queixa de como está funcionando nestes momentos o Parlamento, e espero que os debates sexan sempre profundos e construtivos".

Sobre a citación como imputados dos deputados de Galicia en Común e de Unidas Podemos, Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino e Rafael Mayoral, pola suposta comisión dun delito de atentado á autoridade nunha protesta en marzo ás portas do Congreso dos Deputados dos traballadores de Alcoa da Coruña, Miguel Santalices di que "non lle gusta que se impute a deputados ou que saian á luz pública situacións deste tipo. Neste asunto teño que ser prudente e esperar a ver cal é o devir desta cuestión, pero a min, dende o ámbito persoal, non me gusta porque é unha situación que non favorece para nada o que son as actuacións e as funcións para desenvolveren os propios deputados".

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí