CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rubén Mairena: "O xogo de maiorías e coalicións vai ser importante, especialmente en Ourense, Ferrol e Lugo"

24/05/2019 - 08:19 h

O director de estudos de GFK, a empresa demoscópica que vai realizar a enquisa que ofrecerán o domingo ás oito os medios públicos galegos, dixo esta mañá no Galicia por diante que "será unha sondaxe especialmente interesante para ver en que medida as claves que explican a situación nas eleccións anteriores poden modificar o comportamento de voto nestes comicios". Rubén Mairena afirmou que a fragmentación política fará que o xogo de maiorías e a combinación de coalicións teña especial importancia, sobre todo nas cidades de Ourense, Ferrol e Lugo.

GFK fará o domingo 9.000 enquisas en 79 colexios repartidos nas sete cidades galegas. Segundo Mairena, "con estas entrevistas trataremos de achegar a información máis sólida posible para facer a mellor análise política previa ao escrutinio".

O director de estudos de GFK explicou na Radio Galega que o voto oculto e a maior ou menor participación vinculada a un dos bloques "son os factores claves que hai que manexar na sondaxe, a través das ponderacións e as equilibraxes para tentar entender cal é o sentido do voto".

Sobre os indecisos, Rubén Mairena dixo que é posible que haxa máis porque hai máis variables.

"Non  só a participación, como antes, senón o transvasamento de votos, a volatilidade entre as diferentes alternativas dos diferentes bloques". De feito, engadiu, "nas últimas eleccións xerais a clave non foi tanto a participación como o resultado fragmentado da dereita".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí