Galicia por Diante
A Radio Galega, no foro O presente da radio, de FORTA
A Radio Galega participa esta semana no foro O presente da radio, organizado pola Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) en Toledo, que analizará a situación actual e as tendencias de futuro deste medio. A xefa de Programas da RG, Tania F. Lombao, e o coordinador de medios, Modesto Pena, intervirán o xoves nas mesas redondas Contidos da radio actual e Os medios técnicos da radio de hoxe, respectivamente.
Modesto Pena explicará e fará balance das actuacións máis salientables realizadas no estudio multimedia da emisora pública galega, estreado en marzo de 2022 e co que a CRTVG fortaleceu a converxencia definitiva entre radio, televisión e Internet. Exporá tamén os principais desenvolvementos e automatizacións postos en marcha neste estudio, desde o cal a RG emite, en directo, o 80% da súa programación.
Pola súa parte, Tania F. Lombao conversará sobre o artellamento das programacións en FM e os novos formatos, especialmente coa produción de contidos multicanle para o eido dixital, e exporá a experiencia de RadioGalegaPodcast.gal ou dos videopodcasts. RG emite xa programas radiofónicos híbridos como ‘A bóla extra’, ‘Pensando en ti’ ou espazos de faladoiro político, en simultáneo na primeira e segunda canle da TVG. E a escoita en streaming a través dos medios dixitais de RG incrementouse nun 17% en 2002 respecto do ano anterior.
Este simposio da FORTA ten lugar nun momento clave para a industria radiofónica, como testemuña o incremento da audiencia dun medio que é escoitado regularmente por máis de 31 millóns de españois, segundo a terceira onda do EXM do ano pasado. A FORTA pretende que este foro resalte “a importancia para a sociedade deste medio como cohesionador e canalizador do discurso democrático”.