Galicia por Diante
Gonzalo Trenor: "A reunión sobre o Porto Exterior da Coruña foi decepcionante pola falta de compromiso do Goberno central"
A Xunta cualifica de decepcionante a reunión de onte con representantes do Goberno central e o Concello da Coruña sobre o futuro do Porto Exterior de Punta Lagosteira.
Nunha entrevista no 'Galicia por diante', o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, afirmou que o Goberno central se negou a activar axudas directas para completar o proxecto do Porto Exterior.
Trenor asegura que esas axudas contarían co visto e prace de Bruxelas porque o Porto Exterior, en tanto que porto-refuxio, é unha infraestrutura estratéxica susceptible deste tipo de apoio público.
Segundo o delegado da Xunta na Coruña, na xuntanza non se conseguiu ningún avance nos tres puntos fundamentais da orde do día: a condonación da débeda, a licitación da conexión por ferrocarril e a creación dunha comisión para establecer os prazos e o financimento do proxecto.
Respecto da conexión ferroviaria, Trenor advertiu que malia que a declaración ambiental do proxecto de construción da vía caduca no vindeiro mes de xuño, na reunión de onte non se adquiriu ningún compromiso de asignación orzamentaria.
O delegado da Xunta na Coruña achacou o fracaso da reunión "á falta de liderado do PSdeG, ás súas liortas internas e ao escaso peso que teñen en Madrid Gonzalo Caballero, Valentín Formoso e a alcaldesa Inés Rey".