Galicia por Diante
Roberto Gª: "A maior protección do lobo está garantida cando hai control e desprazamento do animal dunha zona a outra"
Os colectivos agrarios anuncian mobilizacións tras a xuntanza mantida na tarde de onte co secretario de Estado de Medio ambiente, Hugo Morán, sobre a prohibición da caza do lobo no país.
Unha vez se faga efectiva a medida, piden que se prioricen os intereses de gandeiros, e cando a presión da especie nunha zona supoña unha ameaza para os seus animais, poder intervir para desprazalo do territorio.
Nunha entrevista mantida esta mañá no 'Galicia por diante', o secretario xeral de UU. AA., Roberto García, reafirmouse en que a decisión de prohibir a caza do lobo se tomou en base a criterios erróneos e sen ter en conta os intereses do sector. Engade García que as medidas do Ministerio criminalizarn a gandeiría extensiva e o gandeiro en base a un risco que non existe porque, din, non se atopa en perigo de extinción no país.
Sobre o manifesto dos científicos en apoio ao ditame do Ministerio, manifestou o representante de UU. AA. que "o verdadeiro protector do lobo non son os ecoloxistas e científicos que fan notas de prensa, senón os que cada día "poñemos a disposición do lobo catro mil animais, sen que ningún teórico faga unha achega económica", referíndose aos ataques.
Considera Roberto García que abordar o problema desde o punto de vista teórico, externalizar os custos e pasárllelos aos gandeiros resulta cando menos ofensivo para o sector.
Sobre os danos e perdas ocasionadas polo animal en Galicia, explicou que existe un gran descontento nos gandeiros porque as axudas páganse tarde e por un 30 ou 40 por cento do valor do animal, que en moitos casos nin se practican denuncias e noutros a propia administración é quen rexeita porque non queda nin resto do animal atacado. Neste sentido remarca "nós non atacamos o lobo, simplemente non queremos que acabe con nós".
Para o sector a solución pasa por buscar un equilibrio de intereses. Apunta o secretario de UU. AA. algunhas medidas que pasarían por actualizar axudas e pagalas de xeito rápido, buscar sistemas alternativos de alimentación disuasoria en zonas de granxa así como financiar elementos de prevención, "non só quedar cun plan teórico" que prohiba a caza da especie.
Expón Roberto García que a simple prohibición incide nunha criminalización e deixa sen instrumentos de actuación os gandeiros nas zonas onde haxa unha presión excesiva do animal.