CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Francisco Conde: "As medidas que propón o Goberno para as industrias electrointensivas son insuficientes"

24/01/2020 - 08:11 h

O Goberno galego ve insuficientes as medidas propostas polo Executivo central no borrador de estatuto para as industrias electrointensivas que presentou onte na mesa de Alcoa. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, cre que sen engadir máis compensacións e bonificacións, empresas como Alcoa San Cibrao ou Alu Iberia da Coruña serán inviables e estarán condenadas ao peche.

Francisco Conde considera que os puntos incluídos no borrador do estatuto de electrointensivas non situarían as empresas do Estado nunha posición competitiva con respecto ao resto de Europa. "Non comprende todas as medidas necesarias para acadar un prezo competitivo de 35 a 40 euros por megawatt", explicou esta mañá na Radio Galega.

"Esperamos que o Goberno reaccione e rectifique, porque estas medidas que inclúe no estatuto son insuficientes e farán que a produción en Alcoa sexa inviable".

Tamén ve un agravio nos fondos de descarbonización que vai repartir a Comisión Europea, dos que en principio España só levaría o catro por cento. Di Conde que "entendemos que hai unha política enerxética precipitada. O resto dos países están traballando nunha transición cuns prazos que permitan que non haxa un impacto negativo no emprego", mentres os criterios que está a aplicar Bruxelas para a repartición das axudas "benefician os países que aplican unha transición efectiva", como Polonia ou Alemaña "e penaliza os que se precipitan e se poñen á marxe da política europea", afirma o conselleiro de Economía e Industria.

No referente ás derrogacións da lexislación laboral anunciadas polo Executivo central, Conde di que o Goberno "mantén unha posición errática" e que "non parece que teña claro cal é o obxectivo para derrogar a reforma laboral". Contrapón que "a Economía precisa de confianza e seguridade" e que "políticas mediáticas de transmitir mensaxes baleiras de contido non van favorecer o mercado laboral". Avoga Francisco Conde por "abandonar slógans e falar con seriedade dende o punto de vista das necesidades do mercado laboral". seguridade á economía. Pídelle que abandone os slógans e fale con seriedade das necesidades do mercado laboral.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia