CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Juan Gestal: "Non se mellorou a atención primaria e non se organizou ben o dos rastrexadores"

23/09/2020 - 08:14 h

O epidemiólogo Juan Gestal, un dos integrantes do comité que asesora á Xunta na volta ao colexio, descarta polo momento un confinamento a nivel nacional, pero cre que si pode ser necesario "para algunha zona concreta durante un tempo", como a Comunidade de Madrid.

Nunha entrevista no Galicia por diante, o doutor opinou sobre a maior incidencia do virus en España respecto doutros países: "Tiñamos que prepararnos para a seguinte onda e non se mellorou a atención primaria -ao mellor non é posible, non se atopan agora profesionais-, non se organizou ben o tema dos rastrexadores....".

Consonte á evolución da pandemia en Galicia, mellor que noutras zonas do país, pediu "non botar foguetes" e apuntou a necesidade de "correr moito, porque o virus vai a moita velocidade" e evitar chegar á situación doutras comunidades.

Gestal considera oportuna a redución das corentenas de 14 a 10 días, unha medida "que xa recomendara hai tempo a OMS". Explica o doutor que o "período de incubación medio é de 4 a 6 días" e que a carga viral "xa é moi reducida a finais da primeira semana" de infección.

Gestal forma parte tamén do grupo de científicos que publicaron unha carta en The Lancet pedindo unha avaliación independente da xestión da pandemia. Lembrou que se van reunir co ministro a próxima semana para "explicarlle a importancia desa avaliación de modo urxente" e de que se tomen en conta as súas conclusións.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia