Galicia por Diante
Desobediencia institucional
Moitos preguntámonos que era iso da dosobediencia institucional. Pois aí a tedes. Desobediencia institucional é que o Constitucional advirta de que pode haber responsabilidades penais en determinadas resolucións do Parlamento, e o Parlamento fai que non escoita. Desobediencia institucional é que os letrados dese Parlamento fagan advertencias no mesmo sentido, e ese Parlamento, banda independentista, faga o que sempre fixo: pasar esas advertentencias polo forro do que di Torra, "Quins collons", e tirar para diante sen facer caso.
Iso é o que pasou onte e o que pasará dentro de máis ou menos tres semanas cando a resolución se vote en pleno. O que virá despois será un recurso do Goberno para suspender cautelarmente a resolución, e volta ás andadas. Non descarto que siga outra convocatoria de referendo e unha proclamación unilateral da independencia, se Esquerra se presta, porque ata agora non estaba a favor desa vía. Esquerra é máis pragmática e pensa o que pensaba Franco de Xibraltar: que caerá como froita madura. E o desenlace volverá ser o que coñecemos do 2017: aplicación do 155. Ás veces parece que é o que buscan os soberanistas. Ou buscan, quizais, que, agora que o patio esta quente, os incendiarios se boten á rúa con motoserras e tiratacos cargados con bólas de ferro. Pode volver ocorrer este vindeiro sábado, porque as protestas dos incendiarios levan camiño de repetir a senda dos chalecos amarelos de París.
Eu intento buscarlle unha explicación a esta actitude de rebeldía, explicación racional, e con boa vontade podo atopar unha: estes pensan que un parlamento rexional é un parlamento estatal, do estado catalán, e poden falar do que queiran, incluso reprobar o Rei, que é o Rei de toda España, non deles. E, como é un parlamento soberano, poden decidir o que é e como queda a nación española. Retratar ese erro é buscar unha explicación racional. A partir dela, o que vén é un movemento claramente subversivo, claramente insurreccional, que se dispón a acompañar a violencia que se viu a semana pasada. Violencia na rúa, insumisión nas institucións. Todo, para provocar a reacción do Goberno e dinfundir ao mundo a teoría da represión: o Estado español afoga a voz do pobo catalán, o Estado español asoballa as institucións catalás... O discurso que xa coñecemos.
Hai quen diga que Torra e compañía o que queren é que goberne o PP. Non estou de acordo: queren que goberne Vox e así montar a algarada. E queren o 155 ou, mellor aínda, o estado de sitio, como pide precisamente Vox. Iso daríalles unha gran dimensión internacional. Para o independentismo, benquerido Valiñas, canto peor, mellor.