CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Galicia por diante do día: 23/09/2015

23/09/2015 - 09:18 h

Os Almorzos: Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela.

O líder de Compostela Aberta, Martiño Noriega, asegurou que, "agás sorpresas", se anunciará en breve. Nunha entrevista no programa "Galicia por diante", o alcalde de Santiago asegurou que, con todo, o acordo non é nin definitivo nin excluínte.

 "Cónstame que se levan semanas traballando nun documento intentando achegar posicións e eu creo que é un paso adiante, non un paso definitivo". 

Noriega insistiu en que o acordo entre as tres forzas políticas está listo para ser anunciado.

 "Parece ser que (o acordo) estaba a ser perfilado nestes días, o cal eu supoño que, agás sorpresas, se poderá anunciar; o que pasa é que non se vai anunciar como un acordo definitivo, nin como un acordo excluínte. De feito, o que fai ese acordo é garantir a acumulación de forzas no campo da esquerda partidaria", afirmou Martiño Noriega.

Martiño Noriega tamén sinalou que o acordo non pecha as portas ao BNG. 

"Eu sempre defendín que o BNG ten que ter un lugar na unidade popular. Entendo que non acabaremos de pechar a peza do que é ese lugar de encontro da esquerda partidaria e da esquerda social, se non está o BNG".

O líder de Compostela Aberta afirmou que "até que remate este período, non vendería o que é a foto fixa final" e que falta aínda a incorporación doutros colectivos. "De feito, a ese acordo fáltanlle outros elementos. Fáltalle o elemento, a maiores da esquerda partidaria, da esquerda social que está autoorganizándose e falta por seguir explorando outras fórmulas partidarias. Eu non quero interpretar calquera paso adiante que se dea como un proceso de exclusión. Eu valóroo positivamente na medida en que ese paso se vai dando e era necesario. Sempre puxemos o exemplo de Compostela Aberta, que foi un lugar de encontro da esquerda partidaria e da esquerda social".

O alcalde Martiño Noriega asegurou que non lle sorprende a postura crítica do grupo socialista co goberno municipal, porque "o PSOE persegue blindar o seu espazo". Cre que é paradoxal que o critiquen ao mesmo tempo "por gobernar por decreto e por ser inoperante".

Noriega asegurou que a vitoria das mareas nos concellos da Coruña, Ferrol e Compostela significa un punto de inflexión na maneira de facer política en Galicia. O alcalde compostelán cualificou de respectuosas e cordiais as relacións do Concello coa Xunta, a Universidade e a Igrexa e acusou ao PP de ser "máis papista que o Papa".

Ademais, Noriega sinalou que non se sente representado por Abel Caballero á fronte da Federación Española de Municipios e Provincias porque "esta institución só reflicte as loitas partidistas entre PP e PSOE en base a cotas de poder" e non ten en conta a nova realidade dos gobernos municipais de unidade popular. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí