CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José González: "Pido aos alcaldes que faltan que se adhiran ao convenio de limpeza de franxas"

23/05/2019 - 08:19 h

O conselleiro do Medio Rural, José González, dixo esta mañá, no Galicia por diante da Radio Galega, que son xa 200 os concellos adheridos ao Convenio asinado pola FEGAMP e a Xunta para a limpeza de franxas próximas a núcleos de poboación. González amosouse satisfeito por esta cifra, pero pediu a adhesión dos alcaldes que faltan "porque o convenio busca a cooperación entre a Xunta e os concellos para realizar un traballo tan importante como é protexer as nosas aldeas dos incendios forestais".

No marco do convenio, a Xunta realizará este ano a limpeza de franxas en 34 concellos. Rozaranse 4.500 hectáreas en 695 aldeas consideradas de alto risco. Neste momento, os concellos están recibindo os plans de protección e defensa e estase realizando a adhesión dos propietarios interesados. A cambio da adhesión, a consellería asumirá directamente a limpeza e os propietarios terán que aboar unha tarifa de 350 euros por hectárea.

Con independencia de que van actuar limpando en 34 concellos, José González asegurou que o convenio facilitará o traballo dos concellos.

"Tal e como está a lexislación, rematado o 31 de maio, se os propietarios non limpan as parcelas arredor das aldeas, son os concellos os que, previo apercibimento, teñen que proceder á execución subsidiaria, e o convenio dálles ferramentas administrativas para poder desenvolver este traballo".

Entre estas ferramentas, o conselleiro salientou "a colaboración para a elaboración dos plans de prevención e defensa contra os incendios, un visor que lles permite ter as franxas no ordenador do Concello; un procedemento informático que lles permite tramitar de xeito automático todos os requirimentos e un manual con todas as actualizacións que teñen que facer".

Na entrevista do Galicia por diante, o conselleiro do Medio Rural insistiu en que, segundo os investigadores da Xunta, o 78% dos incendios da vaga rexistrada no primeiro trimestre deste ano, foron intencionados. Afirmou que hai que enviar "unha mensaxe clara de que todos os que provocan o lume son uns delincuentes e poñen en perigo a nosa paisaxe, o monte e as persoas". González engadiu que se está producindo un incremento da colaboración cidadá e lembrou que "antes de que comece a tempada de máximo risco de incendios, imos poñer en marcha un teléfono anónimo, confidencial e gratuíto no que a xente poida poñer en coñecemento das forzas de seguridade os comportamentos sospeitosos".

O conselleiro do Medio Rural explicou que "este ano se reforzarán os equipos de investigación e os medios tecnolóxicos do  Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais". No período de alto risco, o Pladiga contempla o emprego de drons para a vixilancia, a detección e a extinción dos incendios.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí