CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Marina Varela Durán, anestesióloga: "Aínda existe risco e hai que manter unha prudencia máxima"

23/02/2021 - 08:13 h

A doutora Marina Varela Durán, membro do comité clínico que asesora a Xunta, advirte que, malia o alivio de restricións previsto para o vindeiro venres, cómpre actuar coa máxima precaución e manter todas as medidas sanitarias de protección.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', a doutora Varela, xefa do servizo de Anestesioloxía e Reanimación do Hospital Universitario de Pontevedra, asegurou que na última semana descendeu o número de pacientes nas Unidades de Coidados Intensivos, pero aínda se producen ingresos case diarios.

Ademais sinalou que durante a terceira onda diminuíu a idade media dos pacientes que ingresaban nas unidades COVID, con moitos enfermos no ámbito dos 60 anos e algúns de 30 ou menos.

Segundo a doutora Varela, a situación clínica da terceira onda foi moi semellante á das outras dúas: con cadros de pneumonía bilateral e outro tipo de complicacións similares ás dos meses anteriores.

Marina Varela insistiu na necesidade de extremar as medidas de protección para previr unha nova repunta da pandemia. De feito, indicou que neste momento hai xa alertas europeas sobre a posible aparición dunha cuarta onda. Para a doutora Varela, a dimensión desta posible cuarta onda vai depender de dous factores: da capacidade de facerlles fronte ás novas variedades do coronavirus e do ritmo de vacinación para lograr canto antes inmunizar unha porcentaxe elevada da poboación.  

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia