CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ángeles Vázquez: "Non podemos permitir unha actitude de chularía do Goberno no asunto do lobo"

22/09/2021 - 08:37 h

Desde hoxe, está prohibida a caza do lobo ao entrar en vigor unha orde do Ministerio que considera que é unha especie protexida. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, dixo no 'Galicia por diante' que o Goberno aprobou a norma sen diálogo e cunha actitude que cualificou como "de chularía".

"Non podemos permitir que en pleno século XXI, sen diálogo e cunha actitude de chularía, impropia de administracións, se faga caso omiso ás catro comunidades autónomas, grazas ás cales se protexeu ao longo de todos estes anos o lobo nun equilibrio moi complicado, tamén co gandeiro, que fixo propicio que poida vivir o gandeiro, pero que tamén goce de moi boa saúde o lobo, e que esta orde veña dicir todo o contrario".

"Os nosos plans de xestión hoxe decaen. Non é que só non se poida cazar o lobo, que no caso de Galicia xa non se cazaba o lobo senón que se facía unha xestión. É que a partir de hoxe decaen os plans e polo tanto quedamos nun limbo xurídico imposible e tamén inviable".

A conselleira explicou no 'Galicia por diante' que "hai alborotamento no territorio e é normal", pero pediu calma á espera de que os tribunais decidan sobre os recursos presentados por Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria. Argumentan que o Goberno non publicou nin os estudos en que di ampararse para declarar o lobo como especie protexida nin tampouco os autores deses informes. Ademais, insisten en que o Goberno non respondeu as alegacións presentadas e que deixa sen axudas nin compensacións os gandeiros afectados por posibles ataques.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia