CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Pedro Rascado: "Hai que insistir no uso da máscara incluso na burbulla de contactos"

22/10/2020 - 08:14 h

O doutor Pedro Rascado, integrante do comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia do coronavirus, xustifica as restricións que hoxe entran en vigor e que na nosa comunidade pasan por limitar as reunións a un máximo de cinco persoas. Medida que noutros concellos, caso de Santiago, se restrinxe só a persoas que convivan na mesma casa.

Nunha entrevista no Galicia por diante, Rascado sostén que "as medidas teñen como obxectivo reducir o número de contactos porque neses contactos entre amizades e familia é onde se rexistran a maioría dos contaxios porque se relaxan as medidas de seguridade".

O integrante do comité clínico advirte que incluso dentro da denominada burbulla familiar ou de amizades hai que "seguir usando a máscara" e "só poderemos sacala coas persoas coas que vivamos na mesma casa".  

Rascado, xefe da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Clínico de Santiago, recoñece que agora mesmo "a situación dos hospitais está razonablemente controlada", pero di que "preocupa que sigan a aumentar os casos e que iso, nalgún momento, se poida traducir nun aumento da presión hospitalaria. Por iso hai que controlar a situación antes de que chegue aos hospitais".

"Sempre insisto en que o ingreso en hospital é o que hai que evitar porque non hai tratamentos efectivos contra o coronavirus. O único tratamento é a prevención e a prevención é reducir a transmisión fóra dos hospitais e que non haxa contaxios", asegura Rascado.

Recoñece Pedro Rascado que a situación de Galicia é mellor ca doutras comunidades e apunta como unha das razóns a que "sempre tomamos as medidas de xeito precoz e así é como debemos entender as medidas que hoxe entran en vigor. Temos que insistir en tomar medidas de xeito precoz porque non queremos que a presión chegue a hospitais, aumenten os ingresos, haxa problemas nas UCIS e tamén falecementos".

Sobre o toque de queda, Rascado apunta que é "unha opción que hai que valorar e unha posibilidade que noutros países se está a facer" e explica que todo vai na mesma liña de reducir os contactos para frear os contaxios.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia