CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Luís Villares: "Agardo que despois de 3 meses de repartición de cadeiras, PSOE e Podemos falen hoxe de políticas progresistas"

22/07/2019 - 09:00 h

O voceiro do Grupo Mixto no Parlamento Galego, Luis Villares, agarda que no debate de investidura que hoxe comeza o candidato a presidente aborde tres asuntos que considera prioritarios para Galicia: a precariedade laboral, a loita pola igualdade e o medio ambiente.

Nunha entrevista no Galicia por diante, Villares sinalou que para a súa formación o "principal desafío é a precariedade laboral da xuventude. Tiñamos que estar escoitando falar a PSOE e Unidas Podemos é dunha reforma do mercado laboral que remate coa precariedade. Non pode ser que dende o 2014  o 90 por cento do postos traballo creados sexan temporais, a tempo parcial e con baixos salarios".

A loita pola igualdade e contra a violencia de xénero debe ser, para Luis Villares, outro dos asuntos dos que se fale hoxe no debate. E o terceiro tema esencial é "a  transición ecolóxica xusta e o medio ambiente. É necesario reducir a carbonización da economía pero que non sexa a costa da perda de postos de traballo". Conclúe o deputado galego asegurando que "despois de tres meses en que se falou de cadeiras e non de políticas, agardo que os que están chamados a conformar unha maioría progresista falen hoxe de políticas progresistas".

Luis Villares tamén se referiu ao sistema de financiamento autonómico e a esa reclamación dende Galicia ao Estado de 700 millóns de euros. Lembra Villares que o grupo de En Marea "apoiou esa proposta no Parlamento e que xa o ano pasado reclamaron unha reforma do sistema para evitar que se dea esa situación". Criticou que o presidente da Xunta "só se acorda desta reclamación cando o PP non goberna no Estado" e que o grupo de En Marea "xa fixo ese recordatorio na Cámara Galega cando gobernaba Mariano Rajoy".

O voceiro do Grupo Mixto no Parlamento Galego avogou tamén por un novo sistema de financiamento autonómico baseado en tres piares. O primeiro, "a soberanía fiscal: o recoñecemento das comunidades autónomas para fixar tributos. O segundo, a suficiencia financeira, para facerlle fronte a todos os dereitos que os cidadáns teñen recoñecidos na Constitución. E o terceiro, a cooperación, porque é preciso acabar coa competencia á baixa entre impostos das comunidades".

Sobre a demanda do Estado contra a familia Franco polo pazo de Meirás, Luis Villares apoia que a Xunta se presente na causa e afirma que "tamén debería presentarse noutros casos". O líder de En Marea considera que se dá unha "situacióna anómala" e que "certos privilexios continuaron dende o franquismo". "Agora hai un estado de opinión xeneralizado de que é o momento de seguir dando pasos na recuperación da memoria histórica". "Levamos máis de corenta anos de atraso e téñense que dar pasos legais, hai moita normativa que ampara situacións de impunidade e hai que buscar oconsenso político para cambiala", afirmou.

Sobre a ruptura do grupo parlamentario de En Marea, o seu paso ao Grupo Mixto e as denominacións actuais dos grupos, Villares explicou que "é unha situación transitoria" e que "á volta do verán os compañeiros do antigo grupo terán unha denominación que os identifique plenamente e que non será En Marea porque este grupo político non forma parte dese grupo parlamentario".

De cara á conmemoración do Día de Galicia este 25 xullo, Villares explicou que En Marea se centrará este ano na "defensa medioambiental de Galicia". Considera que "non temos futuro como país se non temos futuro como planeta, polo que esta loita exemplifica a defensa do país". No acto que organizarán na carballeira de Vista Alegre, en Compostela, En Marea falará "da mina de Touro, da loita contra o monocultivo do eucalipto ou sobre a descarbonización da economía".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí