CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ana Pontón: "En 2020 non vai haber maiorías absolutas. Será a fin do decenio negro de Feijóo"

22/07/2019 - 08:11 h

A voceira do BNG asegura que a política estatal está vivindo un momento en que os intereses partidistas pesan máis ca o interese xeral. Asegura que a axenda de Galicia leva anos desaparecida do Congreso, tanto co PP coma co PSOE.

"O PP non cumpriu co único que lles prometeu aos galegos e galegas: a chegada do AVE. E seguimos con necesidades enriba da mesa en mateira de dependencia, sanidade, infraestruturas ou en materia enerxética, ás que tampouco se lles están dando solucións, como é a supresión da peaxe na AP-9 ou pedir unha tarifa eléctrica galega". "PP e PSOE teñen aspectos que os diferencian, pero o trato ao noso país e a discriminación é a mesma".

Ana Pontón non desvelou se apoiaría a investidura de Pedro Sánchez en caso de ter representación no Congreso: "Primeiro teriamos que negociar en función dos intereses de Galicia. O que si me preocupa é ver como o Goberno galego está desaparecido. Actúa subordinado á estratexia de Pablo Casado e facendo a peor política de todas: canto peor, mellor".

En materia de financiamento autonómico, a voceira do BNG aposta por cambiar o modelo centralista polo modelo que seguen no País Vasco para evitar que o Estado controle cada vez máis os cartos que necesita Galicia. Sobre os cincocentos trinta millóns que Goberno lle debe á nosa comunidade Ana Pontón é tallante:

"Núñez Feijoo é responsable disto. Non se pode apoiar un modelo centralista e logo criticalo. É cínico. Ademais, cómpre ter memoria. O Goberno de Mariano Rajoy deixounos unha débeda douscentos millóns de euros en dependencia, e hai débedas históricas que aínda non se reclamaron".

Coa mirada posta no 25 de xullo, Ana Pontón fai un chamamento para que todos os galegos e galegas se mobilicen nesa xornada que será importante para os nacionalistas.

"Hai un novo BNG que está en alza, que é a alternativa e ten a man tendida. Esperemos que a xornada do xoves reforce esa idea".

Malia verse forte, o BNG entende que son tempos de alianzas. Por iso, de cara ás eleccións autonómicas do ano que vén, Ana Pontón di: "Somos realistas, estamos en tempos de pluralismo político, así que me atrevo a dicir que en 2020 non vai haber maiorías absolutas e que será a fin do decenio negro de Núñez Feijóo".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí