CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ángeles Vázquez: "A Lei de rehabilitación facilita a recuperación dos centros históricos e dos núcleos rurais"

22/05/2019 - 08:15 h

Entra en vigor a primeira Lei de rehabilitación e rexeneración urbana de Galicia, que simplifica os trámites para a recuperación dos centros históricos e dos núcleos rurais.

A conselleira de Vivenda da Xunta, Ángeles Vázquez, dixo no Galicia por diante: "Amplíanse os supostos para a concesión de licenzas directas por parte dos concellos coa execución de traballos de carpintería exterior, cambios de cubertas, fachadas e melloras no interior dos edificios, sempre que non afecten a bens protexidos". "Tamén se aplicará ás vivendas situadas na zona de afectación dos Camiños de Santiago e aos núcleos urbanos e rurais con algún tipo de protección cultural".

Ángeles Vázquez afirmou que un dos obxectivos do plan Rexurbe é poñérllelo máis fácil aos mozos para que poidan vivir nos centros históricos.

"Hai axudas de 12.800 euros para os menores de 35 anos que desexen mercar unha vivenda nas zonas vellas das cidades. Esa liña de axudas é compatible con outras que temos en marcha".

Coa nova lei que entra hoxe en vigor "vanse axilizar as expropiacións de casas en ruínas e dos inmobles onde os propietarios, polo motivo que sexa, como desavinzas entre os herdeiros, non están de acordo para reparalos. Se os propietarios non cumpren coas súas obrigas, tanto a Xunta como os concellos poden proceder á expropiación das vivendas".

"Vanse instalar oficinas de rehabilitación en rede, que serán as encargadas de identificar os inmobles. Contactarán co propietario e informarano das posibles axudas. Se non localizan o dono, a notificación publicarase no DOG e no BOE. A partir de aí, se non hai resposta, procederase á expropiación tomando como referencia o valor catastral. Podemos minoralo ata nun 50%".

"Instauramos un canon, algo simbólico, que lle vai supoñer ao propietario pagar por ter un edificio en ruínas e negarse a facer algo con el. As persoas que carezan de recursos poderán vender as vivendas á Administración. Comezamos o ano pasado, con moito éxito, nos centros históricos de Ferrol, Lugo e Betanzos. Este ano ampliámolo a lugares como Ribadavia e Tui, e a nosa intención é que o programa Rexurbe chegue no futuro a todos os recunchos de Galicia".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí