CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Pedro Mouriño, cónsul honorario de Rusia en Vigo: "As negociacións para fabricar a Sputnik V no Porriño están sendo positivas"

22/03/2021 - 08:14 h

O cónsul honorario de Rusia en Vigo, Pedro Mouriño, móstrase optimista sobre a posibilidade de que a vacina Sputnik V se fabrique na planta de Zendal no Porriño.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Mouriño, que é tamén CEO da empresa de investimentos IberAtlantic, asegura que a vacina rusa está recoñecida xa por 50 países e confía en que a Axencia Europea do Medicamento se decida a autorizala en breve.  

O cónsul e empresario espera que o fondo de investimentos ruso propietario da vacina confirme nos próximos días que as instalacións de Zendal no Porriño son acaídas para a fabricación da Sputnik V. Despois da verificación da viabilidade técnica da planta, Zendal podería comezar a producir a vacina no próximo verán.

O cónsul sinala que "moitos Estados, mesmo Alemaña, din que non están satisfeitos co ritmo de distribución de vacinas por parte da Comisión Europea". Pedro Mouriño asegura que xa se reuniu con representantes de varias comunidades autónomas e que lle mostraron a súa intención de realizar compras directas da vacina Sputnik V desde o momento en que a autorice a Axencia Europea do Medicamento. Lembrou que o presidente da Comunidade Valenciana, Ximo Puig, xa manisfestou publicamente que estaría disposto a negociar bilateralmente a adquisición da vacina ao fondo ruso.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia