CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Luís Villares: "Todos debemos remar na mesma dirección e facer un cambio que nos provexa dos fondos necesarios"

22/01/2020 - 08:16 h

O voceiro de En Marea e do Grupo Mixto no Parlamento Galego, Luís Villares, amósase satisfeito pola aceptación dende o Grupo Común da Esquerda de que Mariló Candedo substitúa a Manuel Lago no Pazo do Hórreo. "Creo que forma parte da normalidade democrática", dixo no 'Galicia por diante' da Radio Galega.

Villares tamén se posiciona sobre os 200 millóns do IVE que a Xunta lle reclama ao Goberno central. Di que eses fondos son necesarios para Galicia, pero culpa desa débeda a un cambio normativo durante o Goberno de Rajoy: "Montoro co PP fixo unha reforma para impedir que esas débedas se pagasen", di, e considera que "estamos pagando as consecuencias da mansedume dun presidente que non foi digno de tal nome", en referencia ao presidente da Xunta, porque "Núñez Feijóo tivo a oportunidade de poñerse a favor da derrogación da norma e votou en contra".

Engade que "non defendeu os intereses do noso país" e que, aínda que se adoita dicir que "tarde piaches", espera que non sexa así, "porque é unha norma inxusta e debe ser modificada". Na entrevista na Radio Galega, Luís Villares dixo que "é responsabilidade política do PP, e Feijóo deberá pedir perdón; pero debemos remar na mesma dirección todos" para conseguir eses fondos para Galicia.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí