CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fútbol e baloncesto, no 'Galicia en goles'

21/11/2019 - 11:33 h

A manifestación das peñas do Deportivo diante da sede do club na Coruña é o primeiro argumento do 'Galicia en goles' da fin de semana. Este venres, desde as oito e media, Paco Santos conectará con Javi Torres na praza de Pontevedra para contar todo o que alí suceda. O partido de baloncesto Melilla-Basket Coruña e o Liceo-Girona de hóckey en patíns completan a xornada de retransmisións.

O sábado, desde as tres, Xoán Galán centrará a sesión de tarde no Deportivo-Alcorcón, de Segunda División, e o Obradoiro-Andorra, da Liga ACB de baloncesto. Os derbis de fútbol sala Parrulo-Burela e da LEB Ouro o Breogán-Marín serán as outras citas destacadas.

O domingo, ás doce, a edición matinal terá como protagonista o fútbol de Segunda B: Celta B-Eivissa, Las Rozas-Racing de Ferrol e Peña Deportiva-Pontevedra. Tamén haberá seguimento á Terceira co Silva-Fabril e o Estradense-Polvorín, ademais da información do fútbol feminino no Barcelona-Deportivo e no Pozuelo-Friol.

A partir das tres, toda a atención estará posta na Liga de Primeira co Vilarreal-Celta, desde o Madrigal, coa narración de Roberto Carlos Carballo. E á noite, o Cádiz-Lugo pechará a fin de semana de retransmisións desde o Ramón de Carranza, a onde se despraza Andrés Vieites. O Marino-Coruxo, de Segunda B, e os oito encontros de Terceira programados para a tarde son as outras citas da xornada.

Polo demais, a fin de semana deportiva na Radio Galega tráenos o 'Convivir' desde Carballo, onde Alfonso Pardo dará voz ao primeiro club que creou unha área para deportistas con diversidade funcional, o Sysca. Na última hora do día, ás once, Rodrigo Pérez resume a crónica do motor no 'Gas a fondo', mentres ás once e media Toni López conversa no 'Galicia en Toquio' coas deportistas paralímpicas Adiaratou Iglesias, Susana Rodríguez e Desirée Vila.

Todas as emisións deportivas poden seguilas os oíntes a través da FM, TDT, radiogalega.gal e a aplicación Radioplayer España.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí