CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A economía pide vez

21/11/2019 - 07:39 h

Hai nervios no mundo económico. Moitos nervios. E non hai flanco que estea tranquilo. Bruxelas, a Comisión Europea, ten un ollo posto en España polo gasto público que temos e polo gasto público que vén coa política que se teme da coalición PSOE-Unidas Podemos, se se chega a formar ese goberno. Por iso, pide “medidas compensatorias” para as pensións ligadas ao IPC. Por iso fala de recortes por importe de máis de 9.000 millóns. E por iso indica que os ingresos extra do Estado sexan destinados a diminuír a débeda pública. Iso din os mandamáis de Bruxelas.

Aquí dentro temos novas regulares. Por exemplo, que o rescate da banca subiu a cerca de 66.000 millóns de euros, a maioría irrecuperables. O dato coincide coa reclamación que vén facendo Pablo Iglesias de que os bancos devolvan ese diñeiro, que sería un torpedo na liña de flotación do sistema financeiro. E a patronal CEOE amosou a súa preocupación ante o goberno que se quere facer. Quere un goberno moderado, que non prexudique a economía. Se estamos en desaceleración, só faltaba que a política nos levase directamente a unha crise.

Son os mercados, que queren ter voz e voto na negociación que se está facendo na escuridade. Convén ir tomando nota destes movementos, porque serán decisivos para o futuro do noso país. Outra vez estamos na loita entre os mercados e a política. Sempre pasa iso cando se agarda unha política de esquerdas. E, no caso español, dunha esquerda radical.

Por iso non foi casual o discurso que pronunciou onte Pedro Sánchez no cumio da empresa familiar europea. Foi un discurso encamiñado a levar tranquilidade aos mercados, cunha repetición do anuncio de equilibrio financeiro, reformas económicas que ata agora non figuraban no esquema da coalición e unha mensaxe de fondo: “Non lles imos facer dano”, e un xeito de xustificar a política social: non pode haber progreso económico duradeiro sen progreso social.

Todo iso está moi ben. Hai que tranquilizar os investidores, se non se quere que España se funda. Só hai dous problemas. O primeiro é que, se Sánchez promove unha política ortodoxa, como garante a vicepresidencia de Nadia Calviño, pode chocar con Podemos e o goberno durar menos ca un caramelo á porta dunha escola. O segundo é a credibilidade que hoxe ten o presidente en funcións. E non é moita, Valiñas. Non pode ser moita, porque é o home que di unha cousa e a contraria. E os mercados necesitan confianza. Sen confianza non hai palabras que vallan.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí